Celebrada a xornada 'Lingua e empresa na Galicia de hoxe'

A Real Academia Galega e o Foro Enrique Peinador organizaron un encontro entre académicos e emprendedores co fin de analizar a situación do galego no mundo da empresa.
Foto de familia de empresarios e académicos ao par da estatua a Enrique Peinador en Mondariz
Foto de familia de empresarios e académicos de par da estatua a Enrique Peinador en Mondariz


Á reunión, celebrada os pasados 12 e 13 de abril no Balneario de Mondariz, asistiron, arredor dunha trintena de persoas, entre membros numerarios da Academia e empresarios, ademais do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez e do alcalde de Mondariz Balneario, José Antonio Lorenzo Rodríguez.

Valentín García, Xesús Alonso Montero, Carlos Varela e José Antonio Lorenzo
Valentín García, Xesús Alonso Montero, Carlos Varela e José Antonio Lorenzo


"Estamos nun lugar emblemático para á Academia, pois aquí celebrouse, o 31 de agosto de 1920, a cerimonia de ingreso de Ramón Cabanillas e Rey Soto", con estas palabras comezou a súa intervención o 12 de abril o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, quen defendeu, ademais, a necesidade de estender o uso do galego alén das ciencias humanas: "Somos conscientes da importancia que para a normalización da nosa lingua ten o seu emprego no mundo da empresa, e a súa presenza, por exemplo, na etiquetaxe de produtos producidos no noso país".

"Hai anos parecía imposible reunir este grupo de empresarios que son verdadeiros militantes da lingua, que están abrindo novos espazos para o seu uso", declarou no seu discurso Xosé González, presidente do Foro Enrique Peinador, asociación que ten como obxectivo incentivar o diálogo entre a economía e a galeguidade. E proseguiu: "Estamos asentando proxectos que hai vinte anos parecían imposibles, daquela, por poñer un exemplo, había só vinte empresas que vinícolas que etiquetasen os seus produtos en galego, hoxe son máis de cento cincuenta". Xosé González rematou a súa alocución reclamando a dedicatoria do Día das Letras Galegas quer a Enrique Peinador, quer a Isidro Parga Pondal, dous empresarios sobranceiros no seu labor en prol da nosa cultura.

A seguir tomou a palabra o Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela, quen trazou na súa alocución unha análise das disposicións legais que atenden e regulan a necesidade de introducir o galego na empresa. "A Lei de Normalización Lingüística de 1983 xa contemplaba o fomento do uso do galego nos ámbitos mercantís e publicitarios, para o que se poderían empregar exencións fiscais. Tamén a Lei Galega de Protección de Persoas e Usuarios contempla como un dereito dos consumidores o emprego da súa lingua nos servizos de atención ao consumidor, ou o propio Plan de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade no Parlamento galego no 2004, no que se establecía a necesidade de incorporar o galego ao mundo da empresa". Carlos Varela rematou a súa exposición lembrando diversos estudos que amosan que o emprego do galego en Galicia axuda a vender.

Xosé González, Barreiro Fernández, Valentín Garciá e Alonso Montero
Xosé González, Barreiro Fernández, Valentín Garciá e Alonso Montero


O membro numerario da Academia, Xosé Ramón Barreiro Fernández, deu lectura a un discurso titulado "Peinador e a cultura galega" no que describiu o Gran Hotel-Balneario de Mondariz como unha das empresas punteiras do seu sector en España en Europa nos anos vinte: "Un viaxeiro francés dicía uqe as augas de Mondariz eran unha segunda Lourdes, polas súa propiedades medicinais. Por aquí pasaron Cánovas, Primo de Rivera, Alfonso XIII, a familia real portuguesa,… isto constituía, en si mesmo, un elemento de prestixio para Galicia no exterior". A continuación, Barreiro Fernández achegou varias mostras do labor galeguista de Enrique Peinador, como a publicación dun xornal, La Temporada en Mondariz, na que eran frecuentes as colaboracións na nosa lingua, a creación dunha escola de música rexional ou a instauración dun premio Mondariz que na súa primeira edición gañaría Lois Peña Novo.

O escritor, editor e membro numerario da Academia, Víctor Freixanes, subliñou a necesidade de crear na sociedade galega unha conciencia favorable ao uso do galego en todos os ámbitos da vida: "Debe ser ela mesma a que, de abaixo cara a arriba, reclame políticas favorables ao galego, do contrario, podemos estar actuando no baleiro". Freixanes pasou logo a salientar a importancia da lingua como elemento diferenciador de marca no contexto uniforme da Globalización: "Nós debemos xogar sempre a carta da identidade para nos diferenciar da competencia, e aí o galego xoga un papel moi relevante".

"Ademais das súas potestades normativas,a Academia ten tamén a responsabilidade de promover o uso do galego, e neste sentido, o sector empresarial preséntase como un sector especialmente importante, pois todos nós somos traballadores ou consumidores. Temos que pór en marcha, pois, un Plan de Normalización Lingüística para o mundo da empresa". Con estas palabras comezou a súa intervención o membro numerario Manuel González, quen destacou, ademais, a importancia que para a normalización da nosa lingua no ámbito da Internet suporá a próxima implantación do dominio .gal.

Algúns dos membros numerarios asistentes ao acto
Algúns dos membros numerarios asistentes ao acto


Fernando Alcalde, presidente de Aclunaga, unha asociación de empresarios que abrangue o clúster do naval galego, apuntou na súa intervención a vantaxe competitiva que para eles supón o emprego do galego: "A nosa actividade empresarial céntrase, sobre todo, na exportación, e neste contexto, a posibilidade de intercomunicación cos países de fala portuguesa supón unha ferramenta moi valiosa." Alcalde sinalou declarou tamén que todas as comunicacións internas do clúster son redactadas na nosa lingua: "Pois a meirande parte dos nosos traballadores son galegos,e o galego é a súa lingua".

Segundo Xosé Carballido, coordinador de Irgade, a Irmandade Galega de Adegueiros, o emprego do galego neste sector empeza a ser normal: "Para manter a nosa competitividade debemos empregar valores inimitables e inexpropiables, e neste sentido o galego xoga un papel fundamental ". Para Xosé Carballido, as campañas de promoción da nosa lingua na empresa deben incidir sobre todo na esfera do consumo: "Nós somos conscientes da necesidade de estimular a complicidade dos consumidores galegos cos produtos da súa terra, e con este fin elaboramos unha Carta de Consumo Responsable e Solidario que asinaron tamén partidos políticos e sindicatos, e que convidamos a asinar á Academia".

"Hoxe vivimos un día histórico co que soñaron os nosos antecesores", apuntou o director xeral de Progando, Xosé Turnes, quen fixo na súa alocución un resumo dos atrancos que acha un empresario galego á hora de incorporar a nosa lingua ao seu quefacer diario. Neste sentido, Turnes lamentou o sobrecusto que supón a carencia de programas informáticos de xestión e contabilidade na nosa lingua.

Xosé Carballido e Fernando Alcalde
Xosé Carballido e Fernando Alcalde


Logo dun coloquio no que empresarios e académicos intercambiaron impresións sobre o proceso de normalización do galego na empresa, tomou a palabra para pórlle o ramo á xornada o secretario xeral de política lingüística, Valentín García, quen, logo de cualificar o encontro como un día histórico, sinalou: "Hoxe xúntanse aquí dúas sensibilidades adoito separadas, a académica e a empresarial que expresaron a súa vontade de traballar xuntos. O galego, que sempre estivo excluído no ámbito da empresa, inicia hoxe o camiño da súa recuperación".

A xornada "Lingua e empresa na Galicia de hoxe" completouse ao día seguinte con senllas ofrendas literarias dos membros numerarios Fina Casalderrey e Salvador García Bodaño a Enrique Peinador e Ramón Cabanillas respectivamente.