O presidente da Academia, Alonso Montero, xunto co conselleiro de Cultura, Vázquez Abad, e outras autoridades.
O extenso programa de actividades, que abrangueu toda a xornada, deu comezo pola mañá coa visita do alumnado de varios centros de educación infantil da contorna, e dun coro que interpretou poemas musicados de Díaz Castro. A seguir, tivo lugar a ofrenda floral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no camposanto de San Xoán de Lagostelle onde está soterrado o autor de Nimbos.
Obxectos persoais de Díaz Castro
Xa na Casa Habanera, os visitantes puideron contemplar a exposición Nimbos de Luz, promovida pola Consellería de Cultura, e composta por catorce paneis nos que se achega un percorrido en texto e imaxes pola biografía de Díaz Castro. Nestas mesmas instalacións ofreceuse unha exhibición de obxectos persoais do poeta de Guitiriz, como a súa máquina de escribir e pluma estilográfica. A mostra completouse coa proxección do documental O instante eterno, de Xosé Antón Cascudo, que recolle as lecturas de Nimbos de varias figuras senlleiras da nosa cultura.
Os escolares atendendo á exposición de Fernando Blanco
O presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, salientou na súa intervención a necesidade de espallar o coñecemento da obra de Díaz Castro como unha oportunidade para "aprender e interiorizar o valor da gran poesía". Ademais do presidente da Academia, a xornada contou coa presenza, entre outros, do conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez; do alcalde de Guitiriz, Xosé María Teixido Núñez; do presidente da Asociación Xermolos e comisario da mostra, Alfonso Blanco Torrado; de Anxo Lorenzo e Valentín García, secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, respectivamente, así como dos escritores Luís González Tosar, Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco e Armando Requeixo.