Catro institucións acubillan un ciclo que porá en valor o amplo legado de Filgueira Valverde

O programa de Filgueira Valverde na cultura galega do século XX, título que dá nome ao ciclo de conferencias, mesas redondas e o simposio científico arredor da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2015, foi presentado esta mañá no Edificio Sexto do Museo de Pontevedra. A Real Academia Galega celebra cada ano un simposio arredor da persoa protagonista da celebración do 17 de maio, que nesta ocasión se amplía cunha programación distribuída en cinco xornadas ao implicárense tamén na homenaxe o Consello da Cultura Galega, o Museo de Pontevedra e a Fundación Barrié. Cada unha destas institucións, coas que Filgueira mantivo un estreito vínculo, acollerán ao longo do mes de novembro parte dos actos previstos, que se desenvolverán así en Pontevedra, Santiago de Compostela e A Coruña. A iniciativa, que pon o ramo ao ano de Filgueira, conta ademais coa colaboración da Consellería de Cultura.

De esquerda a dereita, Xosé Carlos Valle, Fernando Filgueira, Xesús Alonso Montero, Xosé Leal, Anxo Lorenzo, Francisco Díaz-Fierros e José Enrique Fernández Varela na presentación do ciclo


"Por primeira vez desde que existe o Día das Letras Galegas, catro institucións importantes van de mans dadas para examinar a figura homenaxeada", salientou o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, para quen esta coincidencia se debe a que Filgueira Valverde foi "un dos cidadáns máis importantes que a cultura galega ten dado desde o padre Sarmiento". Alonso Montero participou na presentación do programa do ciclo FilgueiraValverde na cultura galega do século XX xunto ao deputado provincial de Cultura, Xosé Leal; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o vicepresidente do Consello da Cultura, Francisco Díaz-Fierros; o director de Patrimonio e Cultura da Fundación Barrié, José Enrique Fernández Varela; o presidente da Fundación Filgueira Valverde e fillo do homenaxeado, Fernando Filgueira Valverde, e Xosé Carlos Valle Pérez, director do Museo de Pontevedra.

Será esta última institución, da que o propio Filgueira foi promotor e director, a que acubille as dúas primeiras mesas redondas, os vindeiros días 10 e 11 de novembro. Estarán dedicadas, explicou Valle Pérez, a Pontevedra, cidade na que naceu e viviu Filgueira, e á pegada que este deixou nela. A primeira mesa, Filgueira Valverde en Pontevedra, contará coa participación de Rafael López Torre, que abordará a vida política; Xermán Torres de Aboal, que repasará a vida educativa; e Xosé Carlos Valle Pérez, que falará da vida cultural. Actuará como moderador Fernando Filgueira. O mércores 11, baixo o título Pontevedra en Filgueira Valverde, intervirán Xosé Fuentes Alende, con "Historia e tradicións"; Xosé M. López Vázquez, con "Manifestacións artísticas"; e María Mercedes Álvarez Lires, con "Sarmiento", acompañados por Xosé Carlos Valle Pérez como moderador.

O programa continuará o martes 24 de novembro no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, outra cidade "que tamén significou moito na vida de Filgueira Valverde", salientou Francisco Díaz-Fierros. Na xornada lembrarase o seu papel na creación, na súa mocidade, do Seminario de Estudos Galegos e, máis adiante, do Instituto Padre Sarmiento; e tamén o seu traballo no Consello da Cultura Galega, do que foi presidente, así como as súas importantes achegas aos estudos xacobeos.

A xornada no Pazo de Raxoi arrincará así ás 16.30 horas cunha mesa redonda titulada Filgueira Valverde desde Santiago. Participarán Xosé Carro Otero, coa intervención "O tema xacobeo en Filgueira"; Francisco Díaz-Fierros, que exporá "O Seminario de Estudos Galegos: unha nova ollada sobre Galicia"; Eduardo Pardo de Guevara, con "O Instituto Padre Sarmiento: unha nova ollada sobre Galicia"; e Ramón Villares, co relatorio "O Consello da Cultura Galega: a cultura como alicerce da Autonomía Galega". Un coloquio e un epílogo musical pecharán o programa do día.

A Real Academia Galega celebrará o simposio dedicado ao homenaxeado do Día das Letras Galegas deste ano o xoves 26 na súa sede, na rúa Tabernas da Coruña. Nesta ocasión, o acento porase no traballo de Filgueira cunha dimensión máis filolóxica. Tras a inauguración, ás 10 da mañá, Arcadio López-Casanova, presentado por Xesús Alonso Montero, pronunciará a conferencia "Filgueira Valverde e o seu tempo: apuntamentos para un retrato". Ás 11 horas, o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, presentará a Leticia Eirín, que abordará o papel precursor de Filgueira nos estudos trobadorescos desde Galicia. A partir das 12.15, a mesa redonda Obra de creación, moderada pola académica Margarita Ledo, contará con Ana Acuña, que achegará unha mirada ás cidades literarias na narrativa do homenaxeado; Teresa López, quen exporá "Cantares antigos e vellas ermidas: a poesía de Xosé Filgueira Valverde"; e Ramón Nicolás, que retratará o perfil de ensaísta e divulgador do autor. O programa da mañá concluirá cun coloquio.

A actividade do día 26 retomarase na sede da RAG ás 17 horas coa mesa redonda Filgueira Valverde e o idioma galego, moderada pola académica Rosario Álvarez Blanco. Intervirán Xesús Ferro Ruibal, Francisco Fernández Rei, Henrique Monteagudo e Xesús Alonso Montero cos relatorios "Filgueira Valverde, procurador en Cortes", "O galego de Filgueira Valverde", "Filgueira Valverde e o galego no SEG" e "Ideas sociolingüísticas de Filgueira Valverde" , respectivamente. O simposio concluirá cun coloquio, de 19 a 19.30 horas.

A sede da Fundación Barrié, no Cantón Grande da Coruña, acollerá o día 27 a derradeira xornada. Será un tributo da Fundación a quen tivo "un papel capital" nos seus alicerces como asesor, salientou José Enrique Fernández. A xornada arrincará ás 16.30 horas cunha conferencia de Xavier Groba sobre a relación do homenaxeado coa música galega de tradición oral e continuará, ás 17.15 horas, coa mesa redonda Filgueira Valverde: cultura popular e erudición. Xosé Manuel González Reboredo abordará neste foro o seu traballo como folclorista; Daniel Buján, Ignacio Cabano e Anxos Sumai participarán coa intervención titulada "Filgueira Valverde, bibliófilo e editor: de Bibliófilos Gallegos a Galicia Histórica"; e Xosé Carlos Valle Pérez, con "Filgueira Valverde na Fundación Barrié". A mesa rematará cun coloquio que dará paso a un acto literario musical, a partir das 19.15 horas, no auditorio da Fundación Barrié, que contará coa participación do director do Museo de Pontevedra e os presidentes da Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega. A xornada concluirá cunha interpretación musical a cargo do Cuarteto Caramuxo.