Cartas en galego

Imaxe dunha carta de Losada Diéguez
Carta de Losada Diéguez a Antón Villar Ponte con data do 6 maio de 1918


No século XIX, tras centos de anos durante os cales a lingua galega subsistiu reducida a un uso puramente oral, comezou a súa recuperación para a escrita grazas ao proceso que hoxe coñecemos como Rexurdimento.

Ao redor da metade do século algúns galegos, sensibilizados ante a situación de prostración e desprestixio do galego, asumiron a necesidade de devolverlle a dignidade que toda lingua merece, e de defender o dereito dos seus falantes a poder expresarse na súa lingua materna e a poder transmitírllela aos seus fillos.

Así pois, unha das primeiras cousas que había que facer era comezar a escribir en galego. Non obstante, a falta dunha tradición ortográfica propia, o feito de que todos os galegos alfabetizados o foran en castelán e a resistencia das institucións culturais, sociais e económicas do país fixeron que a creación dunha escrita en galego supuxese un longo e lento proceso. Os primeiros feitos son abondo coñecidos pola maioría dos galegos: a publicación d'A gaita gallega de Pintos en 1853, os primeiros Xogos Florais celebrados na Coruña en 1861, e a aparición de Cantares gallegos de Rosalía en 1863. Deste xeito, foi arrancando a progresiva conquista de novos campos textuais para o galego: a poesía, a narrativa, o teatro...

Unha destas conquistas foi a da correspondencia.
Aínda que xa no século XVII Diego Sarmiento de Acuña, conde de Gondomar, aspiraba a "ser e parecer bo e verdadeiro galego" e na súa correspondencia inseriu palabras e ata frases enteiras en lingua galega, non sería ata ben entrado o dezanove, co afianzamento do Rexurdimento, cando a correspondencia comezase a galeguizarse.

O século XIX e a primeira metade do XX foron a época dourada da carta. O aumento da poboación alfabetizada e a mellora das comunicacións fixeron que atender a correspondencia fose unha ocupación diaria na vida de moitas persoas, especialmente das máis instruídas. Algúns contemporáneos chegaron a falar de verdadeira "manía" epistolográfica. E así, a escrita das cartas acabou tendo o seu ritual conforme a fórmulas fixas de encabezamento e de peche, que se aprendían xa na escola. Mais quizais a pegada destas fórmulas, sempre coñecidas por primeira vez en castelán, e a forza do costume contribuíron a que a chegada do galego ao mundo da carta tardase máis, incluso, que ao mundo da literatura.

Unha das primeiras cartas en galego coñecidas foi a que Camilo Álvarez de Castro lle dirixiu a Rosalía de Castro en 1863, o mesmo ano da aparición de Cantares. Así e todo, os nosos primeiros escritores do Rexurdimento apenas empregaron o galego na súa correspondencia.

Pero esta situación comezaría a mudar, especialmente a partir das últimas décadas do século XIX, xusto cando se desenvolve o rexionalismo galego, que é o primeiro intento de formular un verdadeiro proxecto político galeguista.

No Arquivo da Real Academia Galega custódiase, precisamente, unha carta en galego de Alfredo Brañas ao presidente da Liga Gallega da Coruña, Salvador Golpe, datada no 20 de xuño de 1898. Esta Liga foi un dos intentos que fixeron os rexionalistas por crear un grupo político que atendese as reivindicacións de Galicia, e tiña como lingua oficial o galego. Na súa carta, ademais, Brañas dá conta da creación en Santiago de Compostela da Liga Gallega Compostelana.

Con todo, os que verdadeiramente gañaron a carta para o galego foron os homes das Irmandades da Fala. Vicente Risco, Ramón e Antón Villar Ponte, Losada Diéguez, Manuel Antonio, Otero Pedrayo e tantos outros, na correspondencia que mantiñan entre eles, empregaban maiormente a lingua galega. Incluso comezaron a introducir nesa correspondencia fórmulas e símbolos propios con que manifestaban a súa fraternidade como galegos que se expresaban na súa propia lingua; pois non é outra cousa o feito de que rematasen as súas epístolas coa frase "¡Terra a nosa!" ou o costume de Manuel Antonio de debuxar unha estreliña nas súas cartas aos amigos.

Para ilustrar esa etapa, reproducimos unha carta en galego de Losada Diéguez a Antón Villar Ponte, do 6 de maio de 1918. Nela fala do xornal coruñés El Noroeste, entón dirixido polo de Viveiro, e das traducións que Losada estaba a facer do italiano e do francés ao galego (outro campo, o da tradución, a conquistar para a nosa lingua). Mais lembremos que o galego aínda non rematou a súa loita, posto que quedan espazos textuais por ocupar, como o das novas tecnoloxías.