Imaxe dunha carta partida con corte dentado do século XIII
A carta partida era un documento que constaba de dúas partes, unha a continuación doutra, nas que se reproducía un único texto. As partes separábanse cun corte en zigzag e, en cada unha, escribíanse, de maneira alterna, as letras A, B, C etc. Deste xeito, para comprobar a autenticidade, abondaba comprobar se, ao xuntar unha parte coa outra, casaban o corte e a orde das letras. Esta carta partida por A.B.C. podía presentar variantes en que se poñían outras letras ou mesmo debuxos.
Pasado o tempo, a forma do corte vai ser o que permita determinar a cronoloxía dunha carta partida. Pois ao comezo, no século XII, o corte era rectilíneo ou ondulado, pero no século XIII impúxose xa o corte dentado, que se importara do Reino Unido.
Este documento é unha doazón ao mosteiro de Sobrado dunhas leiras en Molinaseca, en novembro de 1214, e forma parte da colección de pergameos da Real Academia Galega, que comprende: bulas, privilexios reais, doazóns, compravendas, foros, obrigas, sentenzas xudiciais e outros documentos de orixe pública ou privada.
A colección está formada por 185 pergameos, dos cales 19 son cartas partidas. Descoñécese a orixe dela, aínda que se supón que debeu de comezar con documentos illados dos fondos orixinais da RAG aos que se lle foron engadindo compras soltas realizadas ao longo do tempo.