Carta de Rafael Dieste a Neira Vilas

O 15 de outubro de 1981 finaba en Santiago de Compostela Rafael Dieste, figura fundamental na modernización da cultura galega. Neste artigo exhumamos unha carta súa dirixida a Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas.
Acto de entrega na Academia da coroa poética de Curros
Acto de entrega á RAG da Coroa Poética de Curros, o 5 de agosto de 1978. De esquerda a dereita: Vales Villamarín, Rafael Dieste, a sobriña de Curros Enríquez, Juan Naya, Pío Cabanillas, Marino Dónega e Antonio Vázquez Guillén


Nesta misiva con data do 4 de Nadal de 1964, Rafael Dieste exprésalle a Xosé Neira Vilas o seu desexo de facer unha viaxe a través de México e Cuba con destino final nos Estados Unidos, onde fora invitado a dar conferencias por varias universidades americanas. Porén, o proxecto deste periplo non chegou a realizarse.

No documento, o autor fai explícitas as súas dúbidas sobre a viabilidade das iniciativas culturais que daquela arelaba pór en marcha Isaac Díaz Pardo -moi probablemente, Ediciós do Castro- e loa a nota necrolóxica que escribira Neira Vilas nun xornal da Habana con ocasión da morte do pintor galego Arturo Souto (Pontevedra, 1902-Mexico DF, 1964), cuxo derradeiro cadro pretendía traer a Galicia Valentín Paz-Andrade.

Descoñecemos cal sería o destino final desa obra postrema de Arturo Souto, pero estamos certos da entrega á Academia, o 5 de agosto de 1978, do óleo Mulleres na praia do mesmo pintor pontevedrés. Este cadro foille doado á Real Academia Galega polo Ministerio de Cultura Cubano, grazas á mediación de Neira Vilas, xunto coa Coroa Poética de Curros que a cidade da Coruña lle impuxera ao poeta celanovés en 1904. O acto de entrega á Academia da Coroa de Curros e do cadro de Arturo Souto é o que aparece recollido na imaxe superior.