Carta de Iglesia Alvariño a Luís Manteiga

Na súa longa misiva, o poeta de Abadín comparte co escritor compostelán Luís Manteiga as súas inquedanzas vitais e proxectos de futuro.
Foto de grupo de Iglesia Alvariño (o cuarto pola esquerda, sentado)
Foto de grupo de Iglesia Alvariño (sentado, cuarto pola esquerda) o día da súa recepción como membro numerario (16/04/1949)


Nestas datas celebramos o 115 aniversario do nacemento de Aquilino Iglesia Alvariño (1909-1961), o poeta autor de Cómaros verdes, director do semanario A Nosa Terra, membro de número da Academia e figura protagonista do Día das Letras Galegas do ano 1986.

Ao non estar datada, para situar a carta cronoloxicamente debemos guiarnos polas referencias temporais que aparecen no propio texto, como, por exemplo, a alusión á recepción da revista Claridad, dirixida por Luís Manteiga, e cuxo primeiro número saíu do prelo en Nadal de 1933. A carta está escrita, ademais, sobre o papel corporativo do semanario A Nosa Terra, cando este tiña a súa sede social no número 15 da rúa do Vilar compostelá, é dicir, durante a xeira na que Iglesia Alvariño dirixía o voceiro oficial do Partido Galeguista, tamén en 1933.

No que atinxe ao seu contido, Iglesia Alvariño transmítelle ao seu amigo, en ton pesimista, as incertezas e o desacougo existencial que lle producían as súa súas condicións de vida naquela altura: "Pero, de novo, voltan a min unha serie de inquedanzas desesperadas que me aniquilan. No meu posto de inutilidade, eu sei que cumplo cunha función, que se concrecionará máis axiña o máis tarde. Mais isa concreción non será nunca nunha forma persoal gozosa, nin siquera nunha forma social que eu poida atribuírme". Unha situación angustiosa na que non debían ter un peso menor as dificultades de tipo financeiro ás que alude en máis dunha ocasión

No que atinxe ao seu destinatario, o escritor compostelán Luís Manteiga (1903-1949) tivo unha vida itinerante, con residencia sucesiva en varias vilas galegas, marcada pola precariedade económica, a militancia política de signo republicano e o pulo por construír, malia todas as dificultades, un legado literario e xornalístico que deixou espallado en numerosas publicacións da época, como a Galicia Emigrante, de Luís Seoane, Resol, Yunque, A Nosa Terra, ou a devandita revista Claridad, dirixida por el mesmo.

Unha copia do orixinal manuscrito desta carta pódese descargar aquí, e unha versión transcrita nestoutra ligazón.