Carmen Blanco responde o Cuestionario Díaz Castro

Carmen Blanco é escritora e profesora de Literatura Galega da USC. Autora de poesía, narrativa e ensaio, participa no movemento de mulleres desde os anos setenta, coordina a revista Unión libre. Cadernos de vida e cultura, e é tamén secretaria da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo.
Carmen Blanco
Carmen Blanco

Que características definen, ao seu parecer, a poesía de Díaz Castro?
En primeiro lugar, a orixinalidade da beleza Díaz Castro que envolve a quen a ve. Eu vexo en Nimbos unha visión moi persoal da beleza da dor do mundo, expresada no verso "A beleza feriume para sempre", e vexo a luz dun amor luminoso que nos comunica coas cousas amadas: "Alumarei con fachas de palabras, / ancho herdo meu, o mundo que me deron". É esta unha beleza profunda que ilumina o mundo e transparenta misterios e verdades esenciais da vida; unha beleza integrada nun pensamento alto, un sentir fondo e unha forma precisa; unha beleza cun sentido existencial da vida como drama; unha beleza que non é "un vestido sen corpo" senón que ten o corpo dun humanismo relixioso católico patriarcal con pegadas de vellos paganismos universais, especialmente atlánticos e mediterráneos: os corpos da meiga de Porto-Muiño, de Penélope en Ítaca ou de Xesús de Nazaret... vestidos con teas tecidas con fibras plurilingües de recendos e músicas naturais de mares, terras e froitos e aires rituais místicos dun orixinal clasicismo formal e temático: "Un paso adiante i outro atrás, Galiza, / i a tea dos teus sonos non se move", "Un bruar de navíos moi lonxanos / che estrolla o sono mol coma unha uva. / Pro ti envólveste en sabas de mil anos, / i en sonos volves escoitar a chuva", "Un paso adiante i outro atrás, Galiza!" .

Que pegada deixou a súa obra na literatura galega posterior?
Polo que sei, a obra do propio Díaz Castro está no centro dunha certa corrente humanística e existencial, mesmo existencialista, vixente na poesía e no pensamento galego, europeo e occidental do momento da madurez do poeta, tamén no centro da cultura cristiá que xira en torno ao Seminario de Mondoñedo, mais tamén no centro das poéticas da natureza das terras luguesas e das poéticas da terra, do mar, do tempo e dos seres vivos de moita outra poesía universal: "Ei, Terra Verde e Mar de Orballo, / (...) agora ó caer no teu colo, / óio pacer a canto hai!". Entre esta poesía universal destaca Rosalía de Castro: a "Penélope" de Díaz Castro segue as Penélopes mulleres de emigrantes, "guerreiros", viaxeiros e navegantes de Rosalía, especialmente a de En las orillas del Sar, e dialoga con elas magnificamente. E hai poesía posterior que seguiu este diálogo de futuro nas visións de Penélope ou nas visións de Ulises, rosalianas e manuelantonianas, se queremos velas así. Eu mesma teño estudado algúns casos e na miña "Penélope" de Un mundo de mulleres (2011) sigo este sentido pensar e actuar.

Ao seu xuízo, que vixencia conserva actualmente a súa obra?
Ten, entre outras, a vixencia dunha bela e vella obra de arte de estética patriarcal profunda: "Chorar, chorar / como sempre choraron as mulleres, ai capitán, con barcos ou sin eles!". A mesma vixencia simbólica que a dos templos relixiosos, pois nos mellores poemas de Díaz Castro percíbese a tensa harmonía das auténticas construcións estéticas e Nimbos ten unhas veces a beleza das grandes catedrais, que dicía Valle, e outras a das apartadas capelas rurais, como dicía eu hai anos no libro Nais, damas, prostitutas e feirantas (1995).

Tamén ten a vixencia do certeiro coñecemento máis antigo que, por debaixo da construción relixiosa, como sabe a vangarda artística máis lúcida, garda profundos saberes e valores humanos como "a máxima liberdade"; a "orixinalidade creadora"; a "elegancia, independencia, o voo"; a consciencia individual da vida agónica; a intensidade poética do fragmento; a beleza das cousas pequenas; a comuñón con todo; a plenitude da illa; a necesidade persoal e colectiva do soño, da alegría e do acougo ou da confianza vitalista na inocencia encarnada na "nena coa mazá nos dentes" "que será nena dentro de mil anos" e que fará que a beleza nos cure para sempre.