Carlos Lema (Anxo Cabada)
Cuestionario Díaz Castro:
Que características definen, ao seu parecer, a poesía de Díaz Castro?
Que pegada deixou a súa obra na literatura galega posterior?
Ao seu xuízo, que vixencia conserva actualmente a súa obra?
Agradezo moito que a Academia Galega me convide a participar neste "cuestionario" mais síntome incapaz de responder ás preguntas que nel se formulan nos termos que imaxino se espera. Intentarei facelo doutro xeito:
Tocante á primeira, habería que observar que a poesía é precisamente aquilo que pretende escapar a toda definición, a calquera determinación; polo tanto, na miña opinión, é imposible "definir" a poesía, nin tan sequera remitíndoa a un suxeito. Todo o pensamento filosófico, desde o século XX, é unha crítica do pensamento predicativo ou apofántico; non se trata, pois, de definir, senón de pensar.
A segunda pregunta coido que se refire a unha cuestión historiográfica, polo tanto, máis ca da "pegada" ou do "trazo" (derridiano) habería que falar da "signatura" (agambiana), para o cal sería necesario realizar unha investigación xenealóxica sobre a obra do poeta, cousa que non creo que sexa o obxectivo deste cuestionario.
A terceira trátase dunha cuestión de actualidade. Precisamente, do mesmo xeito que a poesía intenta escapar a toda determinación, tamén debería furtarse, ao contrario do que acontece na novela, a calquera tipo de actualidade. A poesía aspira a ser inactual ou intempestiva (nietzscheanamente).
Todas tres preguntas cumpriría situalas nun contexto previo: o da produción de subxectividade como función da literatura na Idade Moderna ou, noutras palabras, no da función da retórica literaria como esteo do pacto social moderno mediante a representación do consensus sobre o suxeito. Na Idade Moderna a retórica, e a literatura éo per se, é o dispositivo polo que se efectúa o dito (benthaminiano) de que a representación é a mediación. A retórica literaria transforma en fáctico, pola actualización social da lectura, o que é representación, e esa facticidade sitúa o suxeito como centro do pacto social moderno e como sostén da retórica do progreso.
Á parte desta consideración xeral sobre a literatura e, polo tanto, sobre a poesía, habería que engadir aquí que esa retórica do progreso é un universal relacionado xenealoxicamente co cristianismo. Non se trata de afirmar, nin moito menos, que a Idade Moderna é unha secularización do cristianismo, pois a crítica desa afirmación xa está feita e, como tal, a antedita aseveración non sería exacta. Iso non quere dicir que a efectuación do cristianismo, ou a súa signatura na historia, non tivese un papel fundamental tanto para situar o suxeito no centro da sociedade coma para facer da cuestión do progreso universal (katholou) unha das cuestións que caracterizan a nosa época. A obra sobre a que se me interroga, e tamén o seu autor, son se cadra resultado da traza (ou pegada) que o cristianismo deixou na representación do suxeito moderno. Algo que mesmamente tamén se fai evidente no pulo transcendente que percorre a obra dalgunhas e dalgúns dos poetas que, aínda nos nosos días, falan da poesía como dunha "revelación" e pretenden situala fóra da retórica literaria.
A Academia, mediante a celebración dun autor e tamén mediante cuestionarios coma este, dirixidos a un suxeito que responde (e pídeselle que responda mesmamente coa súa imaxe —representación— e coa súa vida, coa súa "bio-grafía"), continúa actualizando o papel da literatura no pacto social moderno e no consensus (retórico e representativo) que o sostén. Non me podo negar, pois defendo as conquistas da Idade Moderna fronte á imposición relixiosa anterior, a participar neste xogo (ao que cómpre saber que estamos a xogar).