Zubillaga recibido como membro de honra da Academia
O novo académico de honra analizou, en primeiro lugar, a figura do crego de orixe galega Manuel Amenedo Montenegro, quen participou na colonización do interior do país e, posteriormente, na Guerra de Independencia uruguaia colaborando co bando revolucionario de Artigas, feito polo que sería nomeado máis tarde "ciudadano benemérito de las Provincias Orientales", tal e como entón era chamado o actual Uruguai. A seguir, Zubillaga examinou a traxectoria vital dos irmáns José e Luis Fernández Bermella, emigrantes galegos enriquecidos e asentados en Montevideo a principios do século XIX, que tomaron parte tamén na Guerra de Independencia daquel país apoiando o bando da antiga colonia española. Nesta mesma cidade, os irmáns Fernández levantaron dous cruceiros de pedra tallados por canteiros galegos que aínda se conservan hoxe, e que testemuñan a vontade daqueles primeiros emigrantes galegos de conservar e manifestar a súa identidade cultural orixinaria.
O expresidente desta institución e actual membro de número, Xosé Ramón Barreiro Fernández, encargado de dar resposta ao seu discurso en nome da Academia, fixo un resumo da traxectoria intelectual do novo académico de honra e salientou a importancia da Igrexa na colonización americana.
Carlos Zubillaga é doutor en Historia pola Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Buenos Aires, foi docente desta materia na Universidad de la República de Montevideo e director do Centro de Estudios Galegos, Cegal, desta mesma universidade entre outras moitas responsabilidades. Autor dunha vasta produción historiográfica, pola súa temática especificamente galega salientamos as seguintes obras: A prensa galega de inmigración en Uruguai e Los cruceiros del Montevideo antiguo.
Para ampliar información:
- Discurso completo en PDF
- Biografía de Zubillaga en PDF