Tribuna

Cantar para gañar galegofalantes

O Día das Letras Galegas de 2025 está dedicado ás cantareiras. Personificouse en seis mulleres, catro delas figuran no Cancioneiro de Dorothé Schubarth cun número elevado de cantigas, melodías e letras, como é o caso de Adolfina e Rosa Casás, de Cerceda; ou o de Asunción Garrido e Manuela Lema, de Mens. A outra cantareira de Mens, Prudencia Garrido, non foi informante de Schubarth pero consérvanse dela documentos sonoros importantes. Igual ocorre con Eva Castiñeira, de Muxía.

Cando presentamos esta candidatura para dedicarlle un Día das Letras Galegas á lírica popular sabiamos que había por toda Galicia, e mesmo fóra, moitas máis candidatas posibles con méritos semellantes. Reducimos o número a esas poucas pero a nosa intención era que representasen a todas cantas mulleres cumpriron un papel parecido, moitas con nomes coñecidos e outras xa (ou aínda) anónimas. Todos os etnógrafos salientaron que as mulleres foron as principais transmisoras da lírica popular, pero non podemos esquecer que o fenómeno non é exclusivo delas e que nos cancioneiros tamén hai con frecuencia informantes homes. Todos eles, mulleres e homes, estean na nómina dos lembrados como dos omitidos (non esquecidos), serán protagonistas festexados nesta celebración.

Durante séculos a nosa literatura quedou reducida á oralidade. Quen repentizaba unha cantiga sabía que a súa fortuna ía depender de que uns poucos ou moitos a fixasen na memoria e a repetisen. Só ben andado o século XVIII comezan algúns eruditos a interesarse por transcribir estas mostras do folclore, interese que se incrementou moito no século XIX por toda Europa e que tivo un florecemento especial nas renaixenças ou rexurdimentos de comunidades subestatais con lingua propia. Ocorreu aquí en Galicia e a partir de 1745 comezamos a ter rexistradas por escrito recollas de cantigas, en xeral dispersas, cristalizadas en cancioneiros só a finais do s. XIX. As transcricións de melodías comezaron máis tarde co xurdimento de orfeóns urbanos. O primeiro, se non estou errado, o Orfeón Coruñés (1875) que dirixiu Pascual Veiga e o segundo, Aires da Terra en Pontevedra (1883), fundado por Perfecto Feijoo, seguidos máis tarde por outros. Nestes orfeóns transcribíanse a harmonizábanse melodías de cantigas.

O que veu despois xa é máis coñecido; o máis salientable é un cancioneiro promovido polo redondelán Casto Sampedro con melodías transcritas por el mesmo ou por un número moi importante de correspondentes (inédito cando el morreu en 1937), ou o que polos anos 1928-34 recollían, para o Centro de Estudios Históricos, Eduardo Torner e Jesús Bal, incompleto a causa da guerra civil e publicado en 1973.

Os que nos temos dedicado ó estudo da cultura material e inmaterial deste país sabemos por experiencia propia o que cambiou a nosa sociedade nestes últimos 80 anos. Cando polos anos 1960 ou 1970 recolliamos «palabras e cousas» podiamos preguntar a calquera polas partes do carro ou do muíño ou por oracións para levantar a paletilla ou curar os tirizós; hoxe xa non existen informantes (ou hai que buscalos cun candil). No referente ao cancioneiro, nos anos 80 aínda había moitos informantes con grandes repertorios, como é o caso das cantareiras que imos festexar no ano 2025; pero os informantes que quedan hoxe xa son escasos e o seu repertorio reducido.

Mais no caso do cancioneiro dáse un fenómeno contrario ó que acabamos de mencionar referente ás «palabras e cousas» que, en 50 anos, pasaron a ser arqueoloxía e só figurarán nos dicionarios e nos libros de etnografía, pois xa quedan poucos galegos que viran e saiban o que son o minle, o rangueiro ou o tentemozo dun carro. As cantigas seguen vivas aínda que cambiasen os escenarios; antes animaban fías ou segas ou mazas de liño ou os seráns e agora as mesmas cantigas son actualizadas nos repertorios dos infinitos grupos de tocadores e cantadores que inzan o país, algúns mesmo profesionais do canto. E cousa máis extraordinaria aínda (non sei se soñada algunha vez por Castelao ou por Risco): as músicas e letras desas cantareiras son materia de ensino nos conservatorios.

Moitos destes cantadores comezan de nenos nas tradescolas que hai na maioría das cidades e vilas do país. A celebración do Día das Letras Galegas de 2025 vai propiciar (iso agardamos na Real Academia) que as cantigas de Adolfina, Rosa, Eva, Prudencia, Asunción e Manuela e de moitas outras e outros sexan recuperadas dos cancioneiros e cantadas en medios e escenarios moi diversos; vai mesmo propiciar que se volvan escoitar as súas voces auténticas porque, en moitos casos, están gardadas en arquivos sonoros accesibles na rede (como é o gardado no Museo do Pobo Galego).

Este ano das Letras Galegas vai ser o da lírica popular e esperamos que teña unha repercusión moi importante; se é así servirá sen dúbida para axudar a fidelizar os galegofalantes coa súa lingua e tamén para enganchar na súa práctica e defensa a moitos galegos, especialmente mozos e nenos, que polas razóns que fose non a recibiron no ambiente familiar como primeira lingua. Nas cantigas populares hai xoias poéticas extraordinarias e hai ademais un galego enxebre e saboroso. Coa axuda das cantareiras homenaxeadas (que xa non están entre nós) e de tantos intérpretes que por Galicia adiante beben do seu legado, esperamos que no 2025 o Día das Letras Galegas empece o 1 de xaneiro e dure todo o ano, aínda que a festa maior sexa o 17 de maio.

Antón Santamarina
Académico numerario