O título do libro-disco, ilustrado por Nuria Díaz, evoca as raíces familiares de Antonio Fraguas, fillo e neto de canteiros. El non seguiría os seus pasos, pero o seu foi tamén un traballo coidadoso coa cultura popular, xustifica o autor.
No musical, a percursión tradicional fíao todo en Canta, miña pedra, canta. "Máis da metade do disco é música tradicional galega. Rodeeime de músicos que están enchoupadísimos nela", salienta. Jara Ortiz, de Habelas Hainas, Carlos Freire na percursión, ou Pablo Díaz, que se prestou a cantar con el a regueifa "Como me río de ti", son algúns dos colaboradores do disco.
As voces de Iris Gey, Xoel Campos ou Alfonso Camarero son outros dos nomes que participan nun traballo no que tamén se respira o perfil ecléctico do seu creador. "No disco tócanse potas, botellas de anís… pero tamén hai cancións máis roqueiras, reggae, hai algún tema funky tocado co tamboril e o bombo e ritmo brasileiro. Sergio Tanus, que é de Niteroi, o lugar ao que emigrara o pai de Fraguas, achegou instrumentos do folclore brasileiro: aparece o cavaquinho, o pandeiro brasileiro…", detalla o músico.