Camiños para salvar a microtoponimia, un labor colectivo sen máis tempo que perder

"A nosa toponimia é dunha riqueza tan extraordinaria que certamente teriamos que facer o esforzo de ofrecer á romanística mundial o elenco de miles e miles de topónimos. E se falamos de microtoponimia, hai que pensar que temos rexistrados arredor de medio millón, e din os especialistas que son só un terzo dos que se sospeita que hai en toda a xeografía galega". O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, abriu a Xornada de Onomástica Galega poñendo o acento sobre a excepcionalidade do noso patrimonio en materia de nomes de lugares tradicionais. Pero corremos o risco, engadiu deseguido, de perdermos este tesouro se non se acelera a súa recolleita. O encontro, celebrado o 17 de setembro, serviu para intercambiar exemplos de boas prácticas nesta dirección e reflexionar sobre o que facer, cantos antes, tanto desde as institucións como desde a organización cidadá.

O presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, e o deputación de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, inaugurando o encontro. Autor: RAG


O encontro, organizado pola Real Academia Galega e a Deputación de Pontevedra, celebrouse no Museo de Pontevedra. A xornada concibiuse como un curso para "formar formadores", persoas que non necesariamente teñen que ser grandes expertos en toponimia, senón simplemente contar "con certa pericia e erudición lingüística para seren capaces de achegar aos institutos de ensino, ás asociacións de veciños ou comunidades de montes uns "coñecementos básicos para recoller con fiabilidade topónimos que hoxe poden ser recolleitos e que quizais dentro de 24 horas xa non", engadiu o presidente da RAG. A idea final é, nesta liña, promover a imprescindible colaboración cidadá interxeracional para preservar este patrimonio inmaterial, auténticos arquivos da nosa historia máis próxima.

Na apertura do acto tamén interveu o deputado Xosé Leal, quen indicou que estas xornadas nacen froito da necesidade de promover actividades sobre a toponimia desde o departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra. "E pensamos que para realizalas ninguén mellor que a RAG", expresou. Leal quixo poñer o acento non só na preservación e recuperación da toponimia, senón tamén na loita contra a súa deturpación, práctica que definiu como "un mal que se está a reproducir en maior medida hoxe en día, mesmo desde as institucións". "Iniciativas como esta permitirannos loitar contra esta práctica", valorou.

O deputado avogou tamén pola introdución das novas tecnoloxías na recollida como forma de achegarse á mocidade e involucrala, porque "é o futuro e a encargada de preservar o pasado".

Nomes do mar, comunidades de montes e 'Chamámonos así'
Tras a inauguración, o programa arrincou cun bloque dedicado a experiencias de recolleita de microtoponimia. Xosé Lois Vilar explicou na recollida de talasonimia en Baiona, un traballo aínda por completar que sumou ata o momento cerca de 1.300 microtopónimos. A talasonimia abrangue desde os nomes da franxa intermareal, que molla a subida e a baixada da marea, ata todo o que está vinculado ao mundo dos mariñeiros: sinais marítimos, os asentamentos onde viven, a lonxa, as fábricas de conserva, os espigóns…, explica o experto. "Pero o que máis lle estraña á xente é saber que todo o fondo do mar tamén está nomeado. E iso é así porque, como en terra, o cometido de nomear é localizador. Moitos mariñeiros que non sabían nadar coñecían o fondo do mar perfectamente sen ter cartas náuticas", engade.


Pola esquerda, Anxo Rodríguez, Xosé Lois Vilar e María Abelleira, relatores do bloque dedicado a experiencias de recolleita de microtoponimia


De seguido, Anxo Rodríguez Lemos achegou outro exemplo impulsado polo Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) baseada na colaboración das comunidades de montes. "Nunha sociedade como a galega, en que o monte foi sustento do noso agro ao longo da historia, e na que existen case 3.000 comunidades de montes en man común encargadas da súa xestión, faise necesario un contacto directo con esta figura á hora de emprender unha recollida de toponimia", di o historiador.

O IEM anima e guía as comunidades de montes na identificación e rexistro de nomes tradicionais de leiras, cachadas, tomadas, outeiros ou muíños das parroquias, un labor que suma centos de horas de enquisas, traballo de campo que se combina coa xeolocalización de cada un dos nomes sobre un soporte dixital. Rodríguez Lemos empregou como exemplos a recolleita levada a cabo na súa parroquia, Santa Mariña de Baíña (Baiona), e na de Santa Baia das Donas (Gondomar), sobre a que se publicará un libro. Entre as dúas parroquias recolléronse máis de 2.500 microtopónimos nos que queda pegada tanto da realidade xeográfica como da historia destes concellos.

Anxo Rodríguez apuntou ademais a función de recuperación de patrimonio artístico que pode cumprir a recolleita de microtoponimia. Como exemplo, referiuse á Capela do Aguzo, na Chan do Cereixo, en Santa Baia de Donas, que foi catalogada a raíz deste traballo.

María Abelleira Fontán pechou o primeiro bloque cun relatorio centrado en Chamámonos así, proxecto da Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra que contou cun equipo de sete profesionais."Búscase recoller de maneira exhaustiva a toponimia viva na memoria das persoas que habitan estas parroquias, xeorreferenciar a toponimia e crear unha base de datos de acceso público para a consulta e a investigación", explica. A filóloga detívose na importancia e dificultade da localización de informantes, na preparación das entrevistas e de que e como se recolle, e referiuse a ferramentas de utilidade no contraste dos datos e resolución de dúbidas.

Toponimia e didáctica
Xulia Marqués, profesora do CPI de Vedra (A Coruña), abriu o bloque dedicado a toponimia e didáctica cunha intervención na que deu a coñecer ao público Vedra medr@, parte dun proxecto, iniciativa do equipo de dinamización lingüística do seu centro, que foi gañador da décima edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas (2016-2017). "O galardón leva consigo o compromiso de tutelar tarefas de posta en valor da toponimia local por parte do centro educativo ullán, composto por 330 estudantes e 42 profesores e profesoras", resume a docente.

Partindo do Nomenclátor de Galicia e do Proxecto Toponimia de Galicia, desde o centro educativo preténdese activar un repertorio con máis 3.300 topónimos (152 correspondentes a nomes de entidades de poboación) e 3.211 a nomes de leiras, montes, fontes etc. "O nome de lugar contemplarase na aula como recurso didáctico no desenvolvemento dos programas curriculares e como recurso educativo que axude a comprender o pasado, valorar a historia do presente e participar conscientemente na construción do seu futuro persoal e social. Vedra medr@ abrirase tamén á contorna con actividades de dinamización que se realizarán en distintas parroquias e irán ligadas a espazos tradicionais como o muíño, o lagar, a eira ou a ribeira do río Ulla, entre outros", detalla a profesora.


Xoán Carlos Porral, Valentina Formoso e Xulia Marqués explicaron os proxectos arredor da toponimia do IES Pintor Colmeiro de Silleda, do IES Félix Muriel de Rianxo e do CPI de Vedra, respectivamente


Outra experiencia educativa, a do IES Félix Muriel de Rianxo, estivo presente na xornada a través de Valentina Formoso, profesora deste instituto. O proxecto naceu no 2002 co propósito de facer un achegamento á toponimia maior partindo dun traballo de recollida realizado polo alumnado e profesorado do equipo de normalización lingüística. O obxectivo fundamental, explicou, non foi desenvolver unha recolleita exhaustiva de nomes de lugares, senón "crear un discurso de respecto cara á toponimia, insistindo moito na mensaxe de conservación da toponimia", dirixido tanto ao alumnado como, a través deles, a toda a comunidade.

A iniciativa serviu para constatar o interese que suscita coñecer o significado dos topónimos da contorna e xerou distintos materiais, como un exitoso calendario cun mapa cos nomes de lugares do Concello de Rianxo e a páxina web que aloxa toda a información froito da investigación do profesorado e do alumnado, á que se pode acceder desde esta ligazón.

O IES Pintor Colmeiro tamén apostou pola toponimia como eixe vertebrador dun proxecto didáctico premiado Fundación Antonio Fraguas na novena edición (2014). No traballo de campo, de recollida tanto de topónimos como de lendas, viuse implicado todo o alumnado do centro, cada quen desde a súa parroquia ou aldea. A información recadada foi xeolocalizada na aplicación Google Maps, que pode consultarse nesta ligazón, serviu de base para a edición dun libro, A paisaxe lendaria e toponímica do Concello de Silleda. Ademais dos 302 nomes de parroquias e aldeas, o traballo permitiu recoller 1.197 exemplos de microtoponimia e lendas arredor de camiños e terras, 255 sobre penedos e auga, 101 sobre mourindade, 18 lendas de temática relixiosa e 39 máis sobre temáticas diversas.

A xornada proseguiu pola tarde cun relatorio de Gonzalo Navaza e Luz Méndez sobre como detectar topónimos en fontes documentais dixitais latinas, galegas ou castelás. Os expertos incidiron na achega que supón para a estandarización e para o estudo dos topónimos a súa localización en fontes antigas, explican os conferenciantes, que ofreceron información sobre webs que conteñen arquivos documentais en liña. Navaza e Méndez explicaron como acceder a eles, indicaron as eivas e vantaxes que teñen e como sacarlles un bo rendemento á hora de documentar os nomes de lugar.

Unha aplicación colaborativa para o voluntariado cultural
Vicente Feijoo, responsable de toponimia no Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, explicou a continuación a filosofía e o funcionamento da aplicación unificadora de recolleita xeorreferenciada na que se está a traballar. O Seminario de Onomástica da RAG concibiu a idea, en colaboración coa AMTEGA, de crear unha aplicación colaborativa en liña para a recolleita, a xeorreferenciación e a difusión da microtoponimia nunha única base de datos de referencia. "Esta nova ferramenta permitirá que o voluntariado cultural de Galicia, desde unha tableta ou un teléfono intelixente poida facer recolleita da microtoponimia da súa aldea, parroquia ou concello e, segundo unha metodoloxía predefinida, introducila nunha base de datos e xeorreferenciala", detalla. Estes nomes, tras a supervisión do Seminario de Onomástica e o contraste con máis informantes a través dun foro, pasará a formar parte do banco de topónimos normalizados de toda Galicia, de acceso libre a través de toponimia.xunta.gal, concretou.

O programa concluíu coas intervencións de Xermán García Cancela, quen repasou a historia da confección do Nomenclátor de Galicia e do inicio do Proxecto Toponimia, e do académico Antón Santamarina, quen analizou o proceso e os criterios da actual revisión do Nomenclátor. Ramón Lorenzo, coordinador do Seminario de Onomástica da RAG, e Xesús Ferro, membro tamén deste órgano, clausuraron a xornada confiando en poder celebrar un novo encontro sobre este tema o ano que vén.


De esquerda a dereita e desde arriba, Luz Méndez, mostra de material sobre toponimia, Gonzalo Navaza, Antón Santamarina, Vicente Feijoo e Xermán García Cancela