O académico Francisco Fernández Rei representou a RAG na inauguración do museo, que se fixo cadrar co 145 aniversario do nacemento do poeta. Foi unha xornada “feliz para a xente de Cambados e para a cultura galega” ao se facer realidade o “tan arelado” Museo Ramón Cabanillas, salientou o membro numerario da Academia. No proxecto museístico, dirixido e deseñado por Pepe Barro, está moi presente “a magnífica biografía dos desterros do vate” na que Luís Rei (1960-2015) traballou durante décadas, lembrou Francisco Fernández Rei. O académico gabou o traballo do biógrafo de Cabanillas, encargado de inventariar o material que a súa familia legou ao Concello de Cambados, labor que retomou e finalizou Fernández Rei á morte de Luís Rei, un dos principais impulsores do proxecto de musealización; e tamén eloxiou o labor de Pepe Barro, responsable doutros proxectos como o da Casa Museo Manuel Antonio e da renovada Casa Museo Rosalía de Castro.
Fernández Rei tivo ademais palabras de especial recoñecemento para Pitusa Vidal Cabanillas pola súa “inmensa xenerosidade” co pobo de Cambados. A neta de Ramón Cabanillas lembrou tamén no seu discurso a Luís Rei e referiuse ao bibliotecario e escritor e mais ao académico como “os piares onde eu me acheguei para chegar ata aquí”.
Tras o acto inaugural, Pepe Barro dirixiu unha dobre sesión de visitas. O museo exhibe no centro da sala que ocupa a mesa e a cadeira na que Cabanillas traballou nos anos nos que residiu, xa maior, no número 10 da actual rúa Real de Fefiñáns, onde tamén vivira coa súa dona cando a parella casou. O deseñador elixiu doce termos que artellan tematicamente o achegamento ao personaxe. Todos eles van aparecendo sobre a mesa escritos coa luz que deita nela un proxector de vídeo: poeta e galego, palabras incluídas nos versos de “Encomenda”, que Cabanillas dirixiu á súa muller e recollidos no seu epitafio (Quero na lousa que me de sosego / estas palabra que ten ás: Poeta / e esta palabra que ten luz: Gallego); e mais desterro, escena, prelo, fouce, familia, fe, Cambados, irmáns, canto e sempre.
Da pescuda documental arredor do poeta, ademais do legado familiar, Pepe Barro destaca a aparición de “dúas pezas extraordinarias” do Museo de Pontevedra agora depositadas no Museo Ramón Cabanillas: un estoxo de ebanistería coa coroa de loureiro rosaliano coa que coroaron o poeta en Padrón, no ano 1958, e a máscara fúnebre realizada polo seu amigo o escultor Francisco Asorey cando Cabanillas faleceu un ano despois.
A medalla histórica de membro numerario da Real Academia Galega é outra das pezas que fían o relato museístico. A peza, decorada co escudo de Galicia por un lado e, polo outro, co emblema da RAG, pertenceu posiblemente a un dos académicos fundadores. No museo tamén pode verse unha caricatura de Antón Villar Ponte feita por Cebreiro procedente do arquivo da RAG e diversas reproducións de fondos do arquivo e da biblioteca da Academia.
Tras a apertura do Museo Cabanillas, a casa natal do autor, unha pequena edificación mariñeira no barrio de Fefiñáns, seguirá funcionando como lugar de documentación e investigación.