Os responsables da publicación, os académicos Manuel González e Xosé Luís Regueira, coas autoras de tres traballos do novo número de Cadernos, Eva Mª Domínguez, Inés Veiga e Tamara Rial. Fonte: RAG
Ademais de investigadores das tres universidades galegas, o comité científico conta con expertos doutras institucións do Estado como Guillermo Rojo (Real Academia Española), Xabier Kintana (Euskaltzaindia) e Enrique Gargallo Gil (Institut d'Estudis Catalans e Universidade de Barcelona); e doutros países, entre eles membros correspondentes da RAG como Takekazu Asaka (Universidade Tsudajuku, Toquio), Débora Campos (Universidade de Buenos Aires), Olga Castro (Universidade de Aston, Birmingham), Johannes Kabatek (Universidade de Zürich) ou Helena Zernova (Universidade Estatal de San Petersburgo).
Cadernos de lingua xa está dispoñible a través da plataforma Open Journal Systems, que serve de soporte a publicacións científicas de todo o mundo, e pode consultarse gratuitamente en publicacionsperiodicas.academia.gal/index.php/Cadernos. "O feito de que pase a ser unha revista dixital dálle a Cadernos de lingua inmediatez e accesibilidade universal", subliña Manuel González. A edición en liña, engade, permitirá a incorporación constante dos artigos aprobados tras a súa revisión por pares. Unha vez ao ano seguirá saíndo do prelo un novo número en papel con todas as achegas recibidas, cunha tiraxe destinada fundamentalmente a atender os compromisos de intercambio con outras institucións científicas.
Martiz, Martís uo Martíns
Sociolingüística, cuestións referidas á norma, gramática histórica e historia da lingua, léxico e terminoloxía, onomástica, fonética e fonoloxía son os eixes temáticos prioritarios de Cadernos de lingua. Xunto a artigos, notas e recensións sobre estes e outros eidos de investigadoras e investigadores de distintas institucións, a revista incorpora unha nova sección que dará cabida a ditames da Real Academia Galega. No primeiro número desta etapa, o 36, pode así consultarse o referido ás formas galegas do apelido castelán Martínez.
O ditame da RAG sobre o apelido Martínez -un dos máis frecuentes de Galicia, con máis de 110.000 persoas portadoras- conclúe que, se ben esta é a forma predominante, o testemuño de toda a documentación medieval e moderna ata o século XVII e mais a información que aínda hoxe ofrece a toponimia indican que a forma propia e orixinal deste apelido é Martiz ou, en certas zonas de Galicia, Martíns.
Das alternativas para o léxico das TIC ao cambio xeracional nas sibilantes de Zas
A revisión dos neoloxismos máis recentes nas tecnoloxías da información e a comunicación e no eido das redes sociais e a proposta de denominacións alternativas propias centran outro traballo que ve a luz no último número de Cadernos de lingua, asinado polas investigadoras Zeltia Blanco Suárez e Inés Veiga Mateos. De acordo coas formas xa aceptadas pola Comisión de Validación da Real Academia Galega, propoñen, entre outras solucións para distintos conceptos, empregar a denominación xestor/a de comunidade en lugar de community manager para referirse á persoa responsable da creación, a dinamización e a xestión dunha comunidade virtual; ou cancelo, en lugar de hashtag, para a palabra ou conxunto de palabras unidas e precedidas dun cancelo (#) que se empregan para identificar mensaxes sobre un tema específico en Twitter e outras redes sociais.
Desde a fonética e a dialectoloxía, Tamara Rial Montes analiza no mesmo número o cambio nas sibilantes en Zas a través de catro mulleres da localidade pertencentes a dous grupos de idade diferentes. As dúas rapazas novas non se diferencian das maiores na realización das sibilantes pero si no feito de presentaren a oposición //s̺/-/θ/ en todos os contextos fonéticos. "Así, estamos ante unha situación que non aparece descrita en ningún traballo ata o momento, que consiste en que unhas falantes presentan un trazo incuestionablemente ligado ao seseo (a despalatización do /ʃ/)) sen teren tal seseo", apunta a filóloga. Este fenómeno, conclúe, só se pode entender "no marco dun proceso de cambio lingüístico, que está en marcha na nosa sociedade e que vén orixinado por dúas forzas distintas: o galego estándar e o castelán", advirte.
José Manuel Costa-García e Concepción Diéguez Diéguez detéñense no termo empregado en arqueoloxía para denominar a técnica de ordenar os campamentos militares romanos, castrametación, e o seu uso na lingua galega. Desde o seu rexurdimento nas linguas romances na idade moderna, non parece que sufrise alteracións de importancia, nin na escrita nin no significado. Só en galego se constata de forma xeneralizada a forma castramentación. Tras unha completa análise, os autores do artigo conclúen que castramentación é unha desviación que se asentou no uso, e tamén nas referencias bibliográficas modernas, pero que non se sustenta etimoloxicamente, polo que propoñen como forma correcta castrametación.
O número 36 de Cadernos de lingua inclúe tamén un artigo de Eva Mª Domínguez Noya sobre cerca de, a valoración aproximativa e os complementos de medida e unha recensión do académico Antón Santamarina sobre o traballo de Carolina Pérez Capelo sobre toponimia e variación dialectal centrado nos topónimos rematados en -oa, -oá, -ua e -uá.