Cabodano de Filomena Dato Muruais

O 27 de febreiro de 1926 finaba en Moruxo, Sada, a poeta e membro correspondente da Academia, Filomena Dato Muruais.
Filomena Dato perante a tumba de Rosalía
Face dunha postal con Filomena Dato perante a tumba de Rosalía


Malia a súa prolífica obra, espallada en diversas publicacións galegas e americanas e que foi merecente de numerosos galardóns, pouco sabemos do decorrer vital de Filomena Dato Muruais, nada en Ourense en 1856, e autora de Follatos (1891), libro que se pode consultar nesta ligazón da nosa Biblioteca Virtual, e que contén o seu célebre poema "Defensa d'as mulleres", que se pode ler aquí.

No devandito poemario pódense apreciar, así mesmo, algunhas das características que a crítica leva salientado na produción desta autora: o seu estilo, propio dun romanticismo serodio, o gusto pola recreación da copla popular, a temática galega e feminista e a forte pegada do texto rosalián.

A composición que transcribimos máis abaixo está tirada do reverso da postal cuxa face reproducimos na imaxe que encabeza esta nova.

Reverso da postal
Reverso da postal que contén o poema "A ROSALÍA"


A ROSALÍA
Xenio subrime, a mulleriña santa,
Que co'a lira d'os ánxeles cantache:
Non veñ'a profanar a túa coba:
Non te veñ'a cantar… veñ'a rezarche.
De xionllos estou e teñ'os ollos
Cheos de bágoas. N'o meu peito bate
De presa o curazón sobrecollido
Sintíndote tan preto, que escoitarte,
Se quixeras falamre, podería;
Mais non queres falarme,
Gardas tuas falas par'o ceo;
Mais ainda qu'o sei, hei preguntarche:
¿Qué queres que lle diga as fillas tuas
Cand' ó chegar á Cruña eu as abrace?
¿Direilles qu'en perpétua romaria
d'aterna admiraceón á visitarche
Veñen própeos y-alleos, e decote
Olentes frores e loureiros traen?
Elas nunca te esquencen, choran sempre,
En aquil valeiro lar que deixache
Gárd'as o teu relembro: aquíl velliño
Que foy o teu amor, aquil amante
Compañeiro d'a vida, tamén chora:
Non poide d'a tua ausenza consolarse.
Por mais que calas, teño que decirlles:
Que dend'ahí quedicño me falaches,
Que lles mandas mamóreas, que no ceo
Non t'atopas sin eles moy gustante,
Que vayan logo, porqu' alí os agardas.
¡Que vayan logo! ¡Que, por Dios, non tarden!

Santiago, 2 de Abril de 1913.