Benvidos a Elsinor

Bosquexo do Castelo de Elsinor de Claudio Varela
Bosquexos do Castelo de Elsinor de Claudio Varela


"Cómpre anunciar, querido lector, que nos estamos a referir á fortaleza inexpugnable do incerto señor Don Hamlet, Príncipe de Dinamarca, a cal, se o vento nos permite, tentaremos amosar como boamente poidamos, con estes refugallos que o xentil Don Céfiro Do-norte tivo a boa vontade de deixarnos en custodia; así, e despois de case 54 anos, terán vostedes a posibilidade de mirar o que nesta institución centenaria se atopa desde aquela pretérita época…"

Estes debuxos, realizados por Claudio Varela, foron empregados para o atrezzo na estrea da obra de Cunqueiro O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca que, co berro das verbas que encabezan este escrito, foi presentada polo Teatro da Cámara da Asociación Cultural Iberoamericana no Teatro Colón da Coruña, o 31 de agosto de 1959, baixo a tutela de Antón Naveyra (pódese descargar aquí o anuncio e o programa desta obra). Nesta estrea tamén participou un novo poeta que chegaría a ser coñecido máis tarde como Antón Avilés de Taramancos.

Esta "peza en tres xornadas, na que se representan as súas dúbidas e morte (de Hamlet), e se da varia noticia doutras xentes" converteuse inmediatamente nun fito da dramaturxia galega e universal. A obra foi escrita polo xenial mindoniense no outono de 1958, e rompe con principios temáticos tan característicos da época -a España da posguerra- como o costumismo, para entroncar de pleno con correntes europeas como o existencialismo, o simbolismo ou o absurdo. Velaí a súa importancia.

Estes bosquexos poñen de relevo as partes máis importantes da obra, como o castelo de Elsinor e o lugar da morte de Hamlet, tratando de representar o excelente mundo imaxinario en que se desenvolve esta abraiante peza metaliteraria ou metateatral que é Hamlet shakesperiano, do que o pancronista Cunqueiro recolle o mito, o "feito Hamlet", para imprimirlle unha nova visión próxima ao seu tempo e ao sentir galego.

Claudio Varela, autor dos anteditos bosquexos, naceu e morreu na mesma cidade, A Coruña. Estudou na Escola de Arte e Oficios Artísticos, e foi pintor do Teatro de Cámara da Asociación Cultural Iberoamericana. Tamén deseñou varios decorados para o Ballet Galego "Rei de Viana"; ademais de ter unha modesta produción en verso e de crítica de arte. A importancia das súas montaxes foi tal que as repetiron no ano 1963.

A aceptación dunha obra destas características -alta literatura en galego- constituíu todo un éxito, considerando o contexto sociopolítico e cultural da época (os censores apropiábanse dos textos que puidesen ser perigosos para o réxime franquista). Tamén hai que ter en conta que é unha das primeiras obras escritas e representadas integramente en galego durante o franquismo, nun dos principias teatros dunha das cidades de maior importancia en Galicia, o cal supuxo un pulo fundamental para os primeiros andares da recuperación do noso patrimonio cultural a partir dos anos 60, nun proceso imparable que continuaría inclusive ata os nosos días; e esperamos que perdure no futuro en todo o seu esplendor.

Parafraseando a don Álvaro : "pode un home, ó mesmo tempo, ser e non ser?".