Basilio Losada xunto ao monumento de homenaxe a Curros Enríquez na Coruña. Autor: RAG
Basilio Losada (Láncara, 1930) é desde os anos 60 unha referencia obrigada da cultura galega en Cataluña, onde chegou como emigrante sendo un cativo. A través das súas traducións ao castelán, autores galegos como Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro ou Xohana Torres, entre moitos outros, chegaron a espazos hispánicos alleos ata o momento á nosa literatura. Losada tamén verteu á nosa lingua autores cataláns e clásicos e contemporáneos do mundo lusófono ao castelán, chegando a gañar o Premio Nacional de Tradución por Memorial do convento, de José Saramago.
O 3 de outubro de 2015, Losada ingresou na RAG como membro de honra cun discurso sobre as primeiras novelas de Rosalía de Castro que pode descargarse nesta ligazón. A Medalla de Ouro de Galicia que recollerá hoxe en Santiago de Compostela súmase a unha ampla listaxe de galardóns concedidos por distintas institucións tanto do ámbito galego e catalán como do lusófono.
Xunto ao académico de honra, a Xunta de Galicia premia tamén nesta edición das Medallas de Galicia o arquitecto Manuel Gallego Jorreto, o artista Francisco Leiro e a banda Los Suaves.