Tribuna

Basilio Losada Castro (1930 –2022)

I

Non é posible, en moi poucas páxinas, trazar o retrato intelectual do compañeiro que nos acaba de deixar. Eu fíxeno, dalgunha maneira e nalgunha medida, no discurso académico do 3 de outubro do ano 2015, alocución na que respondín á súa de ingreso na Real Academia Galega como membro de honra. Naquel discurso institucional enumerei os máis significativos trazos da multifacética personalidade do noso colega Basilio Losada Castro (A Pobra de San Xiao, Láncara, Lugo, 14-6-1930 – Barcelona, 9-7-2022) con este laconismo:

…teño o privilexio de facer o retrato da personalidade literaria de Basilio Losada, ou sexa, do profesor e do fabulador Losada, pero tamén do ensaísta, do conferenciante, do autor de relatos, do prologuista, do antólogo, do voraz lector de poesía, do activista cultural, do bibliómano, do memorialista, do tradutor, do director literario, do epistológrafo e de quen, desde 1963, foi, en Barcelona, na capital da República Literaria de Cataluña, o embaixador das Letras Galegas.

Quizais a alguén o sorprenda que comezase esta enumeración referíndome ó fabulador, tema, penso, que debería suscitar unha monografía. Eu, devoto deste xénero literario –a fabulación oral en idioma galego– non sei de ninguén, agás Pedro Martul Rey (1909-1982), que fose o seu par. Eu xa facía esta valoración antes de que Carlos Casares (por certo, un dos mellores contadores de relatos con elementos de fabulación) afirmase, nun traballo publicado co gallo da xubilación de Basilio Losada:

Quen non lle teña escoitado a historia da mili e o rei de Xordania ou a aventura do machete que lle foi requisado pola policía brasileira… é como se non lese 'Madame Bovary' ou 'Anna Karenina', e non creo esaxerar.

II

Desde os nove anos, Basilio Losada viviu en Barcelona, universidade na que estudou Filoloxía Románica e da que chegou a ser catedrático –o primeiro- de Filoloxía Galega. Cidadán destes saberes e inquedanzas, non tardou en interesar a Ramón Piñeiro (1915-1990), quen, desde a súa “cátedra” de Compostela, conversa (primeiro só epistolarmente) “con aquel profesor lugués que, en Barcelona, estaba ávido de noticias galegas e de interpretacións do que acontecera na cultura de Galicia desde a Guerra Civil”. Por sorte, publicouse, xa hai anos, o epistolario Losada / Piñeiro, 452 cartas que case ocupan mil páxinas no volume Do sentimento á conciencia de Galicia. Correspondencia 1961-1984 (Galaxia, 2009). Segundo o propio Basilio, no limiar desta Correspondencia, a policía barcelonesa quedou con catro ou cinco cartas de Piñeiro. Trátase dun dos grandes epistolarios das nosas Letras, editado e anotado con moito saber por Helena González e María Xesús Lama, docentes no departamento universitario dirixido polo profesor Losada. Nese volume está a película viva do achegamento de Basilio á lingua do país da súa infancia, do achegamento e do seu compromiso con ela; tamén está a súa evolución ata converterse nun militante civis gallaicus, que, en Barcelona, vai inventar actividades, unir vontades e propiciar ou promover canto feito cultural respondese ó “programa” suxerido na persuasiva prosa epistolar de Piñeiro, o seu magister in gallaeciana re desde a súa “cátedra” de Compostela.

Extensa e intensa vai ser a súa actividade no departamento de Filoloxía (xa na época, non breve, de profesor non numerario), no Centro Galego (cada día máis aberto á cultura) e en canta tribuna ou publicación se puidese soletrear, con certa emoción antifranquista, o nome de Galicia. Basilio non tardará en ser considerado o embaixador das Letras Galegas en Cataluña, onde amplos sectores intelectuais perciben con auténtica adhesión moral o acontecer cultural deste profesor novo, entusiasta e que xa posúe unha certa auctoritas nos estudos literarios galegos. Convén recordar que Basilio Losada publicou en Grial (Vigo) a gran revista da cultura galega naquelas datas, 44 traballos entre 1963 e 1971, algún verdadeiros ensaios. Para moitos lletraferits galegos e non galegos na Barcelona deses anos, a voz daquel profesor polifacético e case omnipresente non está ausente de auctoritas intelectual.

Eu propóñome, dentro da tiranía do espazo dunha “nota” necrolóxica, achegarme ó labor literario de Basilio Losada anterior á morte de Franco (1975). Se non estou trabucado, nese labor están presentes algunhas das facetas máis coñecidas de Basilio, o antólogo, o prologuista, o tradutor, o activista… Céntrome no labor literario do final do franquismo porque, neses anos (1966-1974), Basilio dedicou os seus mellores esforzos a dar a coñecer, fóra de Galicia, nomes moi valiosos e moi importantes da literatura galega. Ninguén, antes destas datas, protagonizara un apostolado semellante. Traduciu ó castelán poetas consagrados e poetas novos nunca traducidos a este idioma. Fixo máis; publicou en revistas, case de culto, ensaios máis ou menos breves nos que daba noticia da poesía e da prosa galegas, sobre todo dos textos posteriores á Guerra Civil, tan traumática para o discurso literario formulado en lingua galega. Nesas páxinas, Basilio fai incursións onde se denuncia (coa prudencia esixida pola Censura) un sistema político deseñado para abafar o alento “de los dialectos regionales”. Hai máis; cando Basilio escolle e traduce poemas galegos (en ocasións por primeira vez), pon o acento, na medida do posible, na poesía cívica, na poesía de controversia con aquela sociedade (Celso Emilio Ferreiro, Luís Seoane, Méndez Ferrín, Arcadio López-Casanova, Manuel Álvarez Torneiro…). Deste xeito, lletraferits moi atentos (en Barcelona, Madrid, León, illas Canarias, Soria, Bilbao…) asómanse ós textos dunha lingua non oficial e a algunhas das súas voces máis relevantes e cuestionadoras.

Este admirable e, en certo modo, labor precursor de Basilio Losada, esquematízoo, nesta ocasión, en doce fichas bibliográficas, seguidas dalgunhas glosas ou observacións miñas.

III

1 (marzo de 1966)
“La poesía gallega hoy”, artigo publicado na revista La Trinchera. Frente de poesía libre, nº 1. Dirixida por José Batlló, Basilio Losada figura no comité de redacción con Vicente Aleixandre, Gabriel Celaya, Manuel Vázquez Montalbán… Neste número, o poema de Méndez Ferrín “Roi Xordo” tradúceo ó castelán Basilio.

2 (xuño de 1966)
No nº 2 de La Trinchera publica o artigo “Poesía gallega en América”, no que ofrece noticias e versos de Luís Seoane, Lorenzo Varela e outros exiliados, daquela escasisimamente lidos incluso en Galicia.

Observacións.-
Cómpre ter en conta que Batlló foi, durante décadas, editor de poesía como cidadán comprometido coa causa poética. Nese compromiso, nos anos do franquismo, editou moita poesía “social” nas tres linguas romances de España. Chovéronlle os problemas coa Administración.

Repárese no subtítulo desta revista: Frente de poesía libre. Aí estaba Basilio ensinando sobre as Letras galegas.

3 (1967)
O nº 16-17 da revista Claraboya (León) é un “Extraordinario dedicado a la poesía gallega”, ideado e coordinado por Basilio. El é o responsable do prólogo (“La poesía gallega de postguerra”), da escolma e da tradución castelá de 16 poetas: Luís Pimentel, Luís Seoane, Álvaro Cunqueiro, Celso E. Ferreiro, Manuel Cuña Novás, Xosé Neira Vilas, Manuel María, Novoneyra, Bernardino Graña, Xohana Torres, Salvador García-Bodaño, Xosé L. Franco Grande, Alexandre Cribeiro, Xosé L. Méndez Ferrín, Carlos Casares e Arcadio López-Casanova.

Algúns devotos da causa poética, en distintos lugares de España, atoparon, neste número coidado por Basilio, a primeira guía, teórica e práctica, da poesía galega posterior á Guerra Civil. Algúns deles, naquela altura (1967), quizais non sabían da existencia destas voces poéticas.

Hai máis: “Trátase, posiblemente, da primeira antoloxía de poesía socialrealista galega” (Diccionario da Literatura Galega. II. Publicacións periódicas, Galaxia, 1997)

4 (1967)
Batlló publica, na súa admirable colección El Bardo, a edición bilingüe galego-castelán de Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro, prologada e traducida por Basilio Losada.

Observacións.-
O binomio Batlló / Losada vai poñer nas mans de miles (sic) de lectores españois o poemario “social” de máis prestixio literario da época. Esta edición, a primeira bilingüe, é a segunda do celebérrimo libro de Celso Emilio, que se editara por primeira vez en 1962. A edición bilingüe tivo tal éxito que, en xuño de 1972, Batlló publicou a quinta reimpresión, dato insólito na poesía daqueles anos. Seguiron aparecendo reimpresións, tanto que Batlló, o editor, chegou a dicir nunhas declaracións que grazas a Longa noite de pedra, tan vendido, puido editar outros poetas en El Bardo, todos de moi inferior éxito comercial.

Debo aclarar que, neses mesmos anos, El Bardo publicou, tamén en edición bilingüe Viaxe ao País dos Ananos (1968), que eu prologuei e traducín. Reimprimiuse varias veces, non tantas como Longa noite de pedra.

Basilio, no prólogo deste libro, recorre a unha astucia: reproduce o poema “Carta a Fuco Buxán”, aparecido na revista Vieiros (México) en 1959. Cítao, completo, co pretexto de explicar a poética do autor, pero algo tivo que pasar nas instancias administrativas do Réxime que a edición de 1972 omite o poema intercalado no limiar.

5 (1967)
Publica un artigo de dez páxinas sobre “Literatura en lengua gallega” nunha obra magna dirixida polo catedrático barcelonés Antoni Vilanova: Las literaturas contemporáneas en el mundo, Barcelona, Vicens Vives.

Observacións.-
Basilio presenta o caso galego no concerto da literatura universal.

6 (1969)
Co mesmo título publica un artigo, máis breve, en Cuadernos para el Diálogo, Madrid.

7 (1969)
Basilio, que tamén ten un brazo en Madrid, publica, na prestixiosa colección Adonais, de Rialp, un volume de Manuel María: Antología poética. Escolma poética. Estudio, selección y versión de…

Observacións.-
Con esta edición, o público español achegouse a unha das voces sociais máis presentes en Galicia.

8 (1971)
A revista Fablas, de Las Palmas de Gran Canaria, ofrece un “Número especial dedicado a las Letras Gallegas”, número que contén un estudo introdutorio meu sobre a problemática da lingua e da literatura galegas.

Nese número, o 25, é Manuel María quen presenta “La poesía gallega de postguerra”, pero o responsable da escolla dos poetas e da tradución dos poemas foi Basilio Losada. A escolma consta de 17 poetas, os mesmos que en Claraboya (V. 3) máis Xosé Mª Díaz Castro.

9 (1971)
Salvat Editores (Barcelona) / Alianza Editorial (Madrid) publicaron, de Rosalía de Castro, unha Antología da que é responsable, e tamén da tradución castelá dos poemas galegos, Basilio Losada Castro (que así figura neste volume).

Observacións.-
Esta edición bilingüe levou o nome da poeta a moitos lectores españois de poesía.

10 (1971)
Deste ano é a edición (bilingüe) de Poetas gallegos de postguerra, Barcelona, colección Ocnos, prestixiosa colección: escolma e tradución de Basilio Losada. Contén, no esencial, os nomes que nos ofreceu en 3 e 8. Agora son 20 nomes: engade Aquilino Iglesia Alvariño, Manuel Álvarez Torneiro, Avilés de Taramancos e Alexandre Cribeiro, e omite Díaz Castro.

11 (1972)
Co título Poetas gallegos contemporáneos, a editorial barcelonesa Seix Barral, na Biblioteca Breve de Bolsillo, ofreceunos once nomes en edición bilingüe: Pimentel, Manuel Antonio, Amado Carballo, Aquilino, Seoane, Cunqueiro, Celso E. Ferreiro, Antón Tovar, Cuña Novás, Manuel María e Méndez Ferrín.

Observacións.-
A escolla é a máis “clásica” de Basilio. Incorpora dous poetas de Preguerra (Manuel Antonio, Amado Carballo), afírmase Aquilino Iglesia Alvariño e descóbrenos a Antón Tovar. Quizais non están todos os que son pero son todos os que están. Sólido e significativo elenco de poetas galegos “contemporáneos”, é unha antoloxía para ter moi en conta mesmo nas aulas universitarias. Basilio non só reconsiderou a fondo as escollas anteriores senón que redactou, ademais dun prólogo xeral, once non moi breves introducións, unha para cada poeta.

12 (1974)
En Barcelona, desde había algún tempo, difundía as literaturas españolas non oficiais o profesor e crítico literario Guillermo Díaz Plaja. É moi significativo para nós o tomo VII de Tesoro breve de las Letras Hispánicas, Madrid, Editorial Novelas y Cuentos, que só ofrece en castelán os textos, sexan en verso, sexan en prosa, algúns na tradución de Losada. Lemos na páxina de créditos que o volume editouse “Bajo la supervisión del profesor Basilio Losada de la Universidad de Barcelona”.

Observacións.-
O profesor Díaz Plaja, que nunca militou no antifranquismo, tiña, ademais de poder editorial, un notable prestixio literario, circunstancias ás que se acolle, pro domo sua, Basilio, tantas veces “condenado” a colaborar con editores e publicacións esquerdistas (José Batlló, La Trinchera…). Nesta liña está unha curiosa revista, tamén ideada por Batlló: Si la píldora bien supiera, no la doraran por de fuera. Sei que saíron catro números en 1968 e que a man de Basilio non estivo ausente.

IV

Xa morto Franco, traduciu ó castelán obras moi significativas da narrativa galega: obras de Carlos Casares, de Álvaro Cunqueiro, de Neira Vilas, de Víctor F. Freixanes, de Manuel Rivas, de Suso de Toro… Era outro tempo. Xa non hai censura nin é tan necesario promover a literatura militante. Basilio, que antes de 1975 traballou gratis et amore, case sempre, pola causa das desfavorecidas Letras galegas, agora é un tradutor que se encontra a gusto polo feito de suxerir ou aceptar a versión galega de Ilustrísima, Xente de aquí e de acolá ou Un millón de vacas. Pero segue a ser en Barcelona, e para toda España, o embaixador das Letras Galegas: un embaixador co mesmo compromiso noutro tempo político.

Xesús Alonso Montero