Baños de Molgas acolle este venres a campaña ‘Toponimízate’

Tras a visita ao concello limiao de Sandiás, a campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra continúa esta semana por terras ourensás na procura de novos colaboradores que se unan ao proxecto colaborativo de salvagarda dos nomes de montes, leiras, regueiros, fontes, camiños e outros microtopónimos empregando a aplicación Galicia Nomeada. A campaña que coordina a Real Academia Galega co apoio da Secretaría Xeral da Lingua ofrecerá este venres, 27 de xuño, unha charla aberta á toda a veciñanza no Centro de Saúde de Baños de Molgas a partir das 19:30 horas.

O alcalde de Baños de Molgas, Manuel Ángel Fernández Movilla, presentará a actividade e mais o relator, Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e da unidade técnica de toponimia do Seminario de Onomástica da RAG. A campaña chega a este concello da comarca de Allariz Maceda ao comprobar o estado en que se atopa o traballo de recolla da súa microtoponimia: desde a posta en marcha do proxecto Galicia Nomeada, só recibiu pouco máis de medio cento de achegas por parte de seis colaboradores, algúns deles alumnos deste municipio que asisten ao IES San Mamede de Maceda, instituto que xa colabora co proxecto Galicia Nomeada desde hai dous anos. A este feito, cómpre engadirlle o forte despoboamento que está a sufrir a comarca, o que pon aínda máis en risco a conservación deste patrimonio cultural.

Vicente Feijoo dedicará gran parte da charla a explicar, dun xeito lúdico e práctico, as principais funcionalidades da plataforma Galicia Nomeada, tanto na súa versión de escritorio para ordenadores como a versión para dispositivos móbiles. As persoas asistentes aprenderán a incluír un novo topónimo, engadirlle a categoría, a descrición, un arquivo de son ou imaxes, enviar suxestións sobre topónimos xa engadidos etc.

Como colofón, tamén coñecerán a orixe e significado dos nomes das súas parroquias e aldeas, coas achegas etimolóxicas realizadas polo académico de número e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza. Falarase de, entre outros, de topónimos como Xocín, Meamán, Formigoso, Presqueira ou Gaspar. Estes son nomes de aldeas únicos en todo o territorio galego que só atopamos no concello de Baños de Molgas.