Que características definen a obra de Vidal Bolaño?
Ser teatro popular, contemporáneo e universal.
Popular por estar atento sempre ó espectador como suxeito e obxectivo fundamental e final que pecha o círculo sen o que o teatro non existe, e por traballar con temas candentes e próximos e, polo tanto, polémicos.
Contemporáneo porque coñece e utiliza as achegas que outras artes especialmente visuais e literarias, aportan á arte do seu tempo.
Universal porque ten unha bagaxe cultural ampla que o comunica con escritores contemporáneos noutros idiomas e que usa sempre dende o seu particular punto de vista.
Que importancia tivo a súa figura –como autor, director e actor- na constitución do teatro galego moderno?
É o escritor dramático mais salientable do seu tempo. En volume e calidade da súa obra. Pero a súa figura estaría incompleta sen o seu traballo como director, actor e iluminador que lle aportan unha visión complexa e completa do que representa facer teatro en Galicia. Entendo por "facer teatro", representalo ante público. Isto inflúe nas características técnicas das súas pezas, representables tanto en grandes auditorios, onde amosarían todo o seu potencial, como noutros auditorios mais pequenos, onde a sinxeleza e o incisivo da súa escrita abonda para satisfacer ao espectador. Como director, persoalmente apunto o seu excelente pulso á hora de traballar con coros e repartos amplos. Cousa escasa de ver por certo, por mor das limitacións non só técnicas e orzamentarias.
Que vixencia conserva a súa obra no contexto actual?
A vixencia depende de quen a lea e, sobre todo, de quen a represente e a vexa. Potencialmente toda, polas características apuntadas na primeira pregunta. El xa escribíu, que é o que queda. O que dirixíu, interpretou e iluminou xa alá foi. Efímero que é o teatro.