Superheroínas é unha serie dirixida por José Manuel Diego Ferreira no marco do traballo fin de grao que desenvolveu cando estudaba 4º de Xornalismo na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. El mesmo explica nunha oitava peza o porqué desta idea, que pretende "levarlles á contraria" aos medios de comunicación que invisibilizan a xente nova e "ao discurso da lingua como peza de museo", ao tempo que busca apoderar a muller. "O futuro é galego e feminino", resume Lucía Freitas, a cociñeira compostelá distinguida cunha estrela Michelin, no que podería ser o lema da proposta.
Superheroínas constiúe a segunda edición do proxecto Novas voces para a lingua, que arrincou con Conseguiremos. Esta primeira serie, dirixida por Paula Quiroga, guionizada por Lois Alcayde e producida por Meritxell Álvarez, protagonízana a futbolista Vero Boquete en conversa con Víctor Pérez Currás; os músicos Baiuca e Laura Lamontagne; o director de cine Andrés Goteira e Sara Hermo; as actrices e dramaturgas da Panadaría Teatro e o tamén actor Daniel Celester, e a psiquiatra e divulgadora científica Iria Veiga acompañada do xenetista Ángel Carracedo.