Unha das primeiras obras sobre Florencio Delgado Gurriarán en saír do prelo co gallo do Día das Letras Galegas 2022 é Florencio Delgado Gurriarán: vida e obra dun poeta no exilio mexicano, de Miro Villar. O volume divulgativo publicado por Xerais diríxese fundamentalmente ao alumnado de secundaria, aínda que serve tamén como aproximación ao autor para todo o público. No mesmo selo editorial, Héctor Cajaraville asina Florencio Delgado Gurriarán. Polos vieiros da saudade, unha biografía pensada para o público máis novo.
O colectivo Polo Correo do Vento, como en edicións anteriores, diríxese tamén aos nenos e nenas cunha pequena biografía ilustrada, Florencio Delgado Gurriarán, de Valdeorras a México. Terra a nosa!, publicada por Lela Edicións. O público infantil é igualmente o destinatario de Florencio Delgado Gurriarán. Un legado infindo, de Lucía Gómez Álvarez, unha proposta apoiada en pictogramas incluída na colección Lectura Fácil de Galaxia.
Entre os anuncios editoriais para o primeiro trimestre do ano, Galaxia avanza ademais que publicará un volume sobre o homenaxeado coordinado polo académico Xesús Alonso Montero, un dos investigadores que máis ten traballado a prol da visibilización da obra de Florencio Delgado Gurriarán. O libro, ademais de ofrecer un achegamento á súa figura, incluirá unha escolma da súa obra.