A nova folla de ruta propón retos diarios diferenciados para infantil e primaria que achegan máis de 2.000 nenos e nenas á lingua de maneira lúdica, animándoos a empregar o galego de forma cotiá. Tras completárense tres das catro semanas de programación, constátase unha maior adhesión tanto dentro coma fóra das aulas, grazas tamén, salientan as institucións promotoras, á colaboración de distintas personalidades. Artistas como o músico Xabier Díaz, que se se achegou a cantar coa rapazada das escolas infantís, ou as Tanxugueiras, Paco Nogueiras, Ce Orquestra Pantasma e Fátima Pego; as actrices e contadoras Vero Rilo e Bea Campos; a tiktoker Nuria Grandío @konachadas; o pallaso Peter Punk; os docentes e músicos Alonso Caxade e Manolo Maseda; o especialista en toponimia Vicente Feijoo; a actriz e cantante Antía Castro ou seres máxicos como o Apalpador e o Pandigueiro, que van presentándolles aos nenos e nenas os retos.
Os rapaces afrontan así cada día converténdose en publicistas que crean un lema para promover que a xente fale máis o galego, inventores de definicións divertidas para palabras que xa existen, examinadores da activación do galego entre os pais e nais ou autores de cartas colectivas dirixidas a algunha entidade ou empresa pedíndolle que empregue máis e mellor a lingua do país.
“Durante este curso a participación está sendo moi alta, tanto por parte do profesorado coma do alumnado e das súas familias”, comparte a directora do CEIP Agro do Muíño, María Carmen Liñares. “Para poder desenvolver os retos temos que contar coa axuda das familias, que son outra parte fundamental do programa. E este ano resultou de moita axuda que nos facilitasen con anticipación os desafíos, contribúe a que se cumpran. Son tarefas sinxelas que ademais axudan a completar o currículo escolar do centro, traballando, por exemplo, con trabalinguas, refráns, a invención de palabras etc.”, valora a mestra.
Con cada desafío cumprido, a rapazada recibe o adhesivo dun superpoder que incorpora a unha cartilla persoal, a modo de álbum de cromos, ilustrada pola deseñadora Ruth Caramés. A comunidade educativa dispón ademais dun blog que facilita o seguimento das actividades e mesmo medir a adhesión diaria. A monitorización realízase a través dunha aplicación deseñada para a rapazada que supón un estímulo engadido: cada pequeno reflexiona a diario sobre en que medida está a activar o galego e rexistra a súa resposta a través dun interruptor con tres posicións.
Un proxecto sometido a avaliación e replicable noutros concellos
A teor destes resultados e das primeiras impresións recollidas entre a comunidade educativa, Gabino S. Vázquez-Grandío, técnico do Seminario de Sociolingüística, indica que o diagnóstico de Carmen Liñares se estende ao conxunto dos centros de infantil e primaria participantes, que implican a gran maioría da poboación amesá de 3 a 11 anos, ademais da que asiste ás escolas infantís municipais, que abranguen a etapa de 0 a 3 anos. “Estase a constatar que nesta ocasión hai máis aulas e máis nenos e nenas implicados nas actividades. Haberá que agardar a que remate esta nova edición para facer unha avaliación definitiva, pero todo parece indicar que as novidades introducidas, froito dos resultados das avaliacións das anteriores edicións, están ben encamiñadas”, valora. “O proxecto avanza, polo tanto, no seu obxectivo de deseñar unha fórmula para a dinamización lingüística de efectividade comprobada, de tal maneira que nun futuro o Modo galego, actívao! poida ser replicado noutros concellos de Galicia”, engade.
Rosa Moreiras pon o acento na maior implicación familiar apuntada pola directora do CEIP Agro do Muíño. “É especialmente relevante nas primeiras etapas educativas, a resposta dos pais e nais das escolas municipais infantís está a ser abraiante”, explica. Nesta etapa, entre outras colaboracións, as nais e os pais compartiron os contos favoritos dos seus fillos ou leváronos á escola co seu obxecto favorito para que lles explicasen aos compañeiros por que é especial.
Fase experimental en secundaria
Na procura de novos xeitos de dinamizar a lingua entre a xente nova, nesta terceira edición o programa estendeuse en fase experimental nos dous primeiros cursos da ESO, contando coa participación dos IES de Ames (Bertamiráns) e do Milladoiro. Os retos que se propoñen neste nivel son semanais e procuran tamén conectar a mocidade co galego a través de formas de comunicación do seu interese como a música.
Raquel Miragaia, coordinadora do equipo de dinamización lingüística do IES do Milladoiro, avanza algunhas das dificultades que se someterán posteriormente a avaliación. “As dinámicas de funcionamento dos institutos son máis complicadas cás dos colexios, onde o alumnado ten menos profesorado e está a diario co seu titor ou titora”, reflexiona a profesora, que apunta ademais o desafío engadido que supón un programa deste tipo nun centro con gran diversidade. “Porén, a actividade axudou á reflexión e a unha maior consciencia sobre a posibilidade de usar o galego en todos os ámbitos”, engade.
Marisol Louro, directora do IES de Ames, asegura pola súa banda que o proxecto está a ter moi boa acollida tanto entre o profesorado coma o alumnado. A docente sinala que está a resultar especialmente interesante para reforzar a lingua entre o alumnado que xa emprega o galego habitualmente no ámbito familiar, pero tamén entre o de orixe estranxeira. “Para o alumnado de fóra de Galicia, que mesmo está exento de cursar galego, é un xeito máis levadío e ameno de aprender a lingua, e tamén un xeito de se integrar”, conclúe.