As novas incorporacións á Academia

O vindeiro 23 de setembro Chus Pato lerá o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega como membro de número nunha cerimonia que se celebrará no IES Ramón Otero Pedrayo de Ourense. Máis adiante, será a quenda de Marina Mayoral, elixida membro de honra no Pleno do pasado 17 de xuño, no que tamén foron nomeados sete novos membros correspondentes: Takekazu Asaka, Marcos Bagno, Olga Castro, Helena González, Kirsty Hooper, Helena Villar Janeiro e Helena Zernova. A Academia nútrese así con novas perspectivas desde distintos eidos do mundo da lingua e da cultura, e avanza tamén na necesaria e enriquecedora incorporación das mulleres á vida da institución.
Chus Pato

A de Chus Pato (Ourense, 1955) é unha das poéticas máis vangardistas e persoais da literatura contemporánea desde os anos 80 do século pasado, recoñecida en Galicia e internacionalmente. A autora posúe unha voz renovadora e rupturista cun marcado compromiso ético coa condición feminina e co país. Os seus primeiros poemas viron a luz na revista Escrita (1984). Parte da súa obra pode lerse tamén en revistas como (Luzes de Galiza, Festa da palabra silenciada, Andaina, Gume, Dorna e Clave Orión...), e en antoloxías e libros colectivos. Urania (1991) foi o seu primeiro libro de poemas, ao que seguiron Heloísa (1994), Fascinio (1995), A ponte das poldras (1996) ou Nínive (1996), co que gañou o Premio Losada Diéguez en 1997. En 2009 fíxose co Premio da Crítica por Hordas de escritura (2008), co que volveu gañar o Losada Diéguez. Este título forma parte da pentaloxía Decrúa (antes Método), aberta no ano 2000 con m-Talá, e da que tamén forman parte Charenton (2003), Secesión (2009) e Carne de Leviatán (2013), polo que foi recoñecida co Premio da Irmandade do Libro como mellor autora do ano.

A poesía de Chus Pato foi traducida ao español, inglés, portugués, serbio, polaco, alemán, italiano ou árabe clásico, entre outros idiomas, e está presente en antoloxías internacionais como New European poets (Graywolf Press, 2008), Poeti spagnoli contemporanei (Edizioni dell'Orso, 2008) ou To the wind our sails; Iris writers translate Galician poetry (Salmon Poetry, 2010).

Desde 2015, os versos de Secesión (2009) lidos na súa propia voz son os primeiros en lingua galega que forman parte dos fondos sonoros da Woodberry Poetry Room da Universidade de Harvard. Pato foi tamén convidada aos festivais internacionais de poesía de Barcelona, Rosario, La Habana, Buenos Aires, Bratislava ou Rotterdam.

Marina Mayoral

Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942) é autora dunha destacada obra sobre Rosalía de Castro. Catedrática xubilada da Universidade Complutense de Madrid, novelista e columnista premiada, como investigadora levou o nome da escritora fundacional das Letras Galegas a tribunas académicas de todo o mundo. A súa primeira grande achega é a súa tese de doutoramento, La poesía de Rosalía de Castro (Madrid, Gredos, 1974), prologada polo profesor Rafael Lapesa, á que lle seguiron outros estudos e edicións de diferentes títulos rosalianos. O universo literario de Emilia Pardo Bazán débelle tamén edicións e investigacións que a converten nunha das autoridades de referencia sobre a autora coruñesa. Como escritora, Marina Mayoral é autora de máis de vinte títulos. Algúns deles, publicados orixinalmente en galego, ademais de moi reeditados, foron traducidos a varios idiomas: Unha árbore, un adeus, Chamábase Luís, Tristes armas, Quen matou a Inmaculada Silva?

Takekazu Asaka

Takekazu Asaka (Toquio, 1952), profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Tsudajuku, autor da primeira gramática galega para xaponeses e tradutor ao xaponés de Rosalía e outros autores das nosas Letras, e un auténtico embaixador cultural de Galicia no seu país. En 1993 publicou Gramática do galego moderno, que actualizou en 2016 coa Nova gramática galega. É tamén autor da primeira guía de conversa en galego para falantes xaponeses e do Vocabulario básico da lingua galega (1995), con entradas en galego, xaponés e castelán, ás que engadiu as correspondentes en catalán e éuscaro no Vocabulario en cinco linguas (2013). Como tradutor, verteu ao xaponés os Seis poemas galegos de Federico García Lorca e obras de autores modernos e medievais, entre elas Cantares gallegos (2009) e Contos da miña terra (2014) de Rosalía, Cantata a Ramón Cabanillas (2013), Xograr Martín Codax (2015) e Os eidos (no prelo) de Uxío Novoneyra.

Marcos Bagno

Marcos Bagno (Cataguases – Brasil, 1961) é profesor da Universidade de Sao Paulo, un dos lingüistas máis coñecidos do Brasil, tradutor e escritor. É defensor dunha nova visión do portugués, en que subliña a súa orixe galega, e unha figura de referencia no mundo lusófono no tocante aos debates sobre a norma, a corrección e os prexuízos lingüísticos. O seu labor académico e divulgativo está centrado na sociolingüística e como escritor sobresae no eido da literatura infantil e xuvenil, pero é sobre todo coñecido no seu país polos libros pedagóxicos que tratan sobre o ensino do portugués no Brasil. Polo que respecta ao galego, cómpre destacar o capítulo que Marcos Bagno lle dedica na súa Gramática Pedagógica do Português Brasileiro (2012), en capítulos como "Do galego ao brasileiro. História da nossa língua" e "Raízes desterradas. Formaçao do léxico portugalego". Tamén é de salientar o artigo "O portugués nao procede do Latim. Una proposta de classificaçao das línguas derivadas do Galego" (Grial, 2011).

Olga Castro

Olga Castro (Lugo, 1980), profesora de estudos de tradución da Universidade de Aston (Birmingham) e especialista na interacción entre xénero, linguaxe e tradución. Na actualidade é xefa do grupo de investigación "Mutilingualism and translation" no Centro para a investigación na linguaxe (CLaRA) da súa facultade, a School of Languages and Social Sciences da Universidasde de Aston. Tras se licenciar en Xornalismo e en Tradución, doutorouse pola Universidade de Vigo cunha tese sobre as intervencións feministas na tradutoloxía galega que mereceu o premio extraordinario. O activismo feminista e os estudos galegos son dúas constantes na súa traxectoria, reflectida na súa obra académica e tamén en distintas responsabilidades como as de secretaria e vicepresidencia da Asociación Internacional de Estudos Galegos (2009-2012 e 2012-2015, respectivamente) e directiva do Observatorio da Mariña pola Igualdade, ou na súa condición de presidenta do Comité de igualdade e diversidade da súa facultade. É coautora, entre outros títulos, de Feminist Translation Studies: Local and Transnational Perspectives (Routledge, 2017), Self-Translation and Power: Negotiating Identities in Multilingual Europe (Palgrave Macmillan, 2017), Trama e urda: contribucións multidisciplinares desde os estudos galegos (Consello da Cultura Galega, 2015) e Feminismos (Xerais, 2013).

Helena González

Helena González Fernández (Vigo, 1967) é profesora titular de lingua galega e directora do Centre de recerca ADHUC-Teoria, Gènere, Sexualitat da Universidade de Barcelona. As súas liñas de investigación céntranse na crítica literaria feminista, a cultura popular, a literatura galega contemporánea e mais nas relación culturais entre Galicia e Cataluña. Palabras extremas: escritoras gallegas e irlandesas desde hoy (con Manuel Palacios; Netbiblo, 2008), a edición do inédito de María Mariño Más allá del tiempo (Alvarellos, 2007), Elas e o paraugas totalizador. Escritoras, xénero e nación (Xerais, 2005) ou a edición de correspondencia entre Ramón Piñeiro e Basilio Losada, Do sentimento á conciencia de Galicia (con María Xesús Lama; Galaxia, 2009) son algunhas das obras de Helena González que cómpre descatar. A profesora forma ademais parte do consello editorial de Lectora. Revista de Dones i Textualitat, e colabora como crítica literaria na revista Grial.

Kirsty Hooper

Kirsty Hooper (Watford, Hertfordshire, 1975) é profesora e xefa de Estudos Hispánicos da Universidade de Warwick (Coventry, Reino Unido), onde é tamén directora de comunicación da Escola de Linguas Modernas e Culturas e de Investigación para Estudos Hispánicos. Licenciouse na Universidade de Oxford, institución na que foi alumna do académico de honra John Rutherford e iniciou as súas investigación sobre tema galego, e tamén o traballo como tradutora, sendo unha das responsables de verter ao inglés Cousas de Castelao. As súas liñas de investigación céntranse na actualidade na recuperación de historias e imaxes e recordos das comunidades galega, vasca, española, filipina, africana e de lingua portuguesa e latinoamericana en Liverpool desde o século XIX ata hoxe. Nelas enmárcanse tres proxectos de referencia: o Hispanic Liverpool Project e o arquivo dixital Hispanic Liverpool Community Collection, dos que é coordinadora, e o Atlantis Project: Women and the World in Spain, 1890-1936, que pretende recuperar información bibliográfica sobre escritoras en España entre 1890 e o inicio da guerra civil, e no que participa activamente.

Helena Villar Janeiro. Autora: Carmela
Queijeiro

A traxectoria de Helena Villar Janeiro (Becerreá, 1940) convértea nunha das figuras destacadas da cultura galega tanto pola súa dedicación á literatura como ao ensino: foi unha das escritoras pioneiras da literatura infantil en galego. E tamén na docencia, a súa profesión, na que foi unha das primeiras persoas en impartir aulas na lingua do país, coas que empezou nos anos 70, ao abeiro da Lei Villar Palasí, con clases voluntarias para o seu alumnado de 6º e 7º en Ferrol. Poeta, narradora, ensaísta, tradutora e articulista, a súa obra é numerosa e, en parte, está traducida a outras linguas. Leva publicados sete libros de poemas en solitario (o primeiro deles, Alalás, a súa primeira obra saída do prelo, en 1972); máis dunha vintena de títulos para o público infantil, catro libros de narrativa para adultos e varios ensaios, entre outras obras de xéneros diversos. A creación de Helena Villar Janeiro abrangue tamén varios títulos escritos en colaboración coa súa parella, co escritor Xesús Rábade, e mereceu unha morea de distincións. Entre moitas outras, cómpre destacar a súa inclusión no catálogo White Ravens (anos 1990 e 1994) e na lista de honra do IBBY (anos 2002 e 2004) pola súa obra infantil. Foi cofundadora e secretaria do PEN Club de Galicia, pertenceu ao International PEN Women Writers Committee, foi cofundadora e vicepresidenta da primeira xunta directiva de GÁLIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) e presidiu a Fundación Rosalía de Castro entre 2005 e 2012.

Helena Zernova

Helena Zernova (San Petersburgo, 1951) é doutora en Filoloxía Española pola Universidade Estatal de San Petersburgo, onde exerce como profesora desde 1976. A súa traxectoria académica está marcada por unha intensa actividade de promoción da lingua e da cultura galega en Rusia a través da súa actividade nesta institución. En 1993, creou o Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petersburgo e, en 2000, o de Estudos Cataláns. É editora da Antoloxía da literatura galega (edición bilingüe galego-ruso), na que se encargou non só da coordinación, senón tamén da selección dos textos e da tradución. Na actualidade ten publicados na editorial da súa universidade 14 volumes nos que verteu ao ruso desde a poesía dos trobadores e de Rosalía ata textos de Castelao, Cabanillas, Pimentel, Eduardo Blanco Amor e Celso Emilio Ferreiro.