'As laranxas máis laranxas de todas as laranxas', teatro fronte aos contos de príncipes e princesas

Os comezos dos anos setenta do século XX abriron novos vieiros para o teatro galego. A posta en marcha da Mostra do Teatro Galego de Ribadavia foi un dos instrumentos que axudaron a promocionalo, sen esquecer a importancia de se dirixir ao público infantil. Así quedou de manifesto desde a primeira edición deste encontro, onde se estreou, o 27 de maio de 1973, As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, a primeira e única peza teatral de Carlos Casares, considerada unha obra fundacional do teatro fantástico e humorístico da literatura infantil e xuvenil galegas. A fantasía e o humor van da man da crítica social neste texto que naceu, segundo o propio autor, fronte á literatura infantil de príncipes e princesas.

Un momento da primeira representación d'As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, na I Mostra de Teatro de Ribadavia. Fonte: Arquivo da Agrupación Cultural O Facho / RAG


As laranxas máis laranxas de todas as laranxas estreouse na sesión de clausura da I Mostra de Teatro de Ribadavia, a cuxo escenario chegou despois de gañar o primeiro concurso de teatro infantil convocado pola Agrupación Cultural O Facho, outra iniciativa que contribuíu a impulsar a produción de obras dirixidas ao público máis novo. O propio grupo teatral do Facho foi o encargado de poñer a peza en escena aquel día e, pouco despois, o 2 e o 9 de xuño, na Coruña. No mes de agosto tamén a representaría na Rúa (Ourense) o grupo Os Cigurros, tal como lembra a primeira edición da obra, saída do prelo en decembro do mesmo ano e ilustrada cos bosquexos de figurinos e decorado xeral que Luís Seoane deseñara para ela. Corenta e catro anos despois, As laranxas máis laranxas de todas as laranxas é todo un clásico do teatro infantil galego que acumula moreas de representacións por todo o país.

A peza arrinca na horta de Anxa e Elías cando no seu limoeiro nacen de súpeto cinco laranxas enormes e unha delas estoura. Fantasía, humor e outros trazos que beben do teatro do absurdo son fundametais nunha historia que, coma a primeira incursión na literatura infantil de Casares, A galiña azul (1968), adopta unha perspectiva crítica coa sociedade: o seu fondo, dicía o propio autor, é "a derrota do home que só emprega a forza como argumento". Unha historia envolta na "fantasía do real" que naceu a partir da súa actitude fronte a un tipo de literatura infantil que non lle gustaba: "a de príncipes e princesas, castelos e brumas", "construída a partir dunha realidade xa morta".

Ao primeiro concurso de teatro infantil da Agrupación Cultural O Facho concorreron un total de vinte e tres obras. Xunto ao galardón que recaeu sobre Carlos Casares -que ademais da súa estrea en Ribadavia contaba cunha dotación económica de 25.000 pesetas- recibiron tres mencións honoríficas Bernardino Graña, por Sinfarín contra don Perfeuto; Euloxio Rodríguez Ruibal, por O roubo do aparello; e Dora Vázquez, por Don rato busca un obreiro.