As Irmandades e a renovación teatral, a debate en Pontevedra

A Real Academia Galega celebrará este xoves, 29 de setembro, no Museo de Pontevedra unha nova mesa de debate do ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos. O programa, que itinera por distintas localidades, é unha das iniciativas da RAG para conmemorar o centenario deste movemento fundamental para a defensa da nosa lingua. Desta volta, o teatro será o protagonista nun encontro moderado polo académico Euloxio R. Ruibal e que contará cos relatorios de Laura Tato Fontaíña, Carlos Cateano Biscainho e Inma López Silva. A entrada é libre ata completar aforo.

Euloxio R. Ruibal (imaxe de Xosé Castro), Laura Tato Fontaíña (imaxe de Rafa Estévez), Carlos Caetano Biscainho e Inma López Silva.


Dous meses antes de se constituíren as primeiras Irmandades, o seu fundador Antón Villar Ponte xa salientaba en Nuestra afirmación regional que para mellorar a situación do idioma era preciso ir máis alá da produción poética, na que se sustentara o Rexurdimento, e desenvolver un teatro e unha novela galegos que chegasen ao público urbano e as elites intelectuais. Na mesa deste xoves, a profesora da Universidade da Coruña (UDC) Laura Tato Fontaíña profundará no proxecto das Irmandades para a modernización da escena. "A renovación comezou pola creación dunha institución, o Conservatorio Nacional de Arte Galega", recorda a experta.

Ademais da formación de profesionais do teatro, un dos principais obxectivos cos que naceu o Conservatorio foi a representación de obras fóra dos habituais ambientes rurais e con protagonistas das clases medias ou altas para demostrar que o galego era válido para todos os rexistros e falantes, explica Tato Fontaíña. "En resumo, o teatro galego xa tiña gañado ao público popular e agora cumpría a creación dun teatro que interesase ás minorías cultas".

"As Irmandades da Fala non só foron fundamentais na elaboración dun corpus tanto dramático coma escénico, senón tamén na consideración do teatro como unha parte fundamental da vida cultural galega e como un espazo de especial valor simbólico na conformación da nación galega", engade Inma López Silva, docente da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, que pronunciará o relatorio titulado Unha concepción institucional do sistema teatral galego.

Pola súa banda, Carlos Caetano Biscainho falará de Fernando Osorio do Campo, actor de orixe coruñesa formado en Lisboa que dirixiu o Conservatorio Nacional de Arte Galega durante os seus primeiros anos de vida. "A súa chegada á cidade herculina serviu para dar impulso definitivo ao proxecto teatral maquinado por Vilar Ponte", apunta. Na conferencia achegará novos datos sobre esta figura e a súa obra recuperada.

A mesa de debate terá lugar, a partir das 19.30 horas, no Edificio Sexto, onde aínda se pode ver, ata o vindeiro 2 de outubro, a exposición do centenario das Irmandades da Fala Saúde e Terra, irmá(n)s!

Pode descargar o programa da mesa nesta ligazón.