As ideas lingüísticas e a praxe idiomática de Piñeiro no franquismo, a análise en Donostia

O intelectual Ramón Piñeiro foi homenaxeado esta semana, xunto ao seu colega vasco Koldo Mitxelena, no curso de verán da Universidade do País Vasco sobre o lugar do éuscaro e as demais linguas minorizadas no contexto multilingüe. Despois do repaso das traxectorias e os puntos de unión entre ambos realizado polo presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, o seu secretario, Henrique Monteagudo, analizou neste marco as ideas lingüísticas e a praxe idiomática de Piñeiro desde o espertar do seu compromiso, antes da guerra, e o seu activismo en plena represión franquista ata a súa participación clave para a normalización do idioma.

O secretario da Academia, Henrique Monteagudo, nun momento da conferencia que pronunciou en Donostia.


"A achega de Piñeiro ao desenvolvemento da lingua e a cultura foi insubstituíble (…). O que lle faltou foi un instrumento político que lle dera apoio ao seu proxecto desde o ámbito político e, no seu momento, desde o poder", resumiu Monteagudo na súa intervención no seminario O lugar do euskera e as demais linguas nun contexto multilingüe, á luz das achegas de Koldo Mitxelena e Ramón Piñeiro.

O académico debullou as principais achegas de Piñeiro ao longo dunha traxectoria que dividiu en seis etapas: o espertar do seu compromiso coa lingua galega, antes da guerra; o seu crecente activismo nos anos 50, marcados por unha forte represión; a codificación da lingua, entre 1962 e 1972, desde os primeiros intentos ata as primeiras normas da Real Academia Galega; o xermolar da sociolingüística galega co ingreso do propio Piñeiro na Academia en 1967; o debate sobre o futuro do galego entre 1972 e 1974 e, por último, a camiño cara á normalización, entre 1975 e 1990.

O traballo de Ramón Piñeiro, salientou Monteagudo, está "claramente integrado" nun labor de equipo, o desenvolvido no marco do proxecto de grupo Galaxia para a cultura e a lingua galegas. Despois de tres anos na cadea polo seu activismo político e de se operar da visión, o intelectual retomou a partir de 1949, "de forma imparable", a súa actividade política e cultural. E, se ben non participaría na xénese da editorial Galaxia, axiña se uniu ao proxecto, do que sería director literario.

Traducións como vía de prestixio e denuncia ante a UNESCO

Dentro da etapa dos anos 50, o secretario da Academia detívose na posta en marcha e censura da Colección Grial, nas traducións de Piñeiro, en colaboración con Celestino Fernández de la Vega, de Pokorny e Heidegger como forma de prestixiar a lingua; ou na chamada batalla de Montevideo, na que Piñeiro tivo un importante papel, xa que foi o autor do manifesto de denuncia da persecución do galego por parte do franquismo que se repartiu na xuntanza da UNESCO de 1954.

Piñeiro implicaríase de forma directa anos despois no debate sobre a elaboración dunhas normas ortográficas e morfolóxicas por parte da Academia, mesmo antes de entrar nela. O ingreso produciuse en 1967 e o seu discurso, A lingoaxe i as lingoas, constitúe unha primeira aproximación ao que máis adiante sería a sociolingüística galega. "Chama a atención como xa manexa termos como distinción, prexuízos ou prestixio", apuntou Monteagudo.

A controversia co filólogo portugués Manuel Rodrigues Lapa, a perspectiva, a xuízo de Monteagudo, quizais algo optimista" de Piñeiro sobre o futuro do idioma e, xa a partir de 1975, o seu relevante papel na Lei de normalización lingüística de 1993, pecharon o percorrido pola traxectoria do intelectual.