As derradeiras flores de Rosalía

Relicario de Rosalía de Castro
Relicario de Rosalía de Castro


Nestes tempos posmodernos non resulta doado falar de relicarios, pois vivimos nunha sociedade que oculta todo aquilo que ten relación coa morte, coa vaga esperanza de que agochando o problema, este desaparecerá e deixará de afectarnos; e ata chegamos a incomodarnos e a considerar de mal gusto unha simple conversa que faga referencia á morte. Tanto é así que se pode dicir que trocamos o tabú do sexo da sociedade dos séculos XIX e XX polo tabú da morte no século XXI.

De todos os xeitos, imos facer caso omiso de tabús -sen ánimo de ser irreverentes pero non sen risco de chegar a selo- para falar do relicario que conserva un guecho de cabelo de Rosalía de Castro e mais pétalos de flores que acompañaron o cadaleito nalgún dos dous enterros que tivo a poeta.

Se ben é certo que a influencia da relixión na sociedade galega da segunda metade do XIX continuaba sendo moi forte, non é menos certo que no seu seo se produciron importantes transformacións sociais, ideolóxicas e culturais derivadas do desenvolvemento da ciencia, as cales levaron a interpretar a morte como un proceso natural de todo ser vivo, erosionando deste xeito o consolo cristián fundamentado na certeza da existencia doutra vida, o que deixaba a todos aqueles que tiñan unha educación científica máis ampla en certa situación de desamparo ante o sufrimento da morte propia e dos achegados. Este proceso de laicización xerou nas clases altas e medias galegas, e máis tarde -ao longo do século XX- tamén nas clases populares, a necesidade de reter no mundo terreal unha mostra da persoa falecida que compensase, aínda que só fose un chisco, a súa perda ao facela perdurar na memoria dos vivos. Estas mostras podían ser xoias, retratos, máscaras funerarias ou guechos de pelo, como ocorre no caso que nos ocupa. A este respecto, cómpre aclarar que o feito de optar polo cabelo non é algo casual, dado que se trata do tecido humano máis resistente ao paso do tempo e ofrece a posibilidade de tocar e de ver algo que formaba parte do defunto.

Pola contra, o uso de flores como ofrenda fúnebre é unha práctica moi antiga, como o demostra a existencia de restos de polen en enterramentos xa desde o paleolítico Hai que supor que nun primeiro momento as flores foron empregadas para atenuar o fedor provocado pola descomposición do cadáver, ao que, sen dúbida, se lle engadiría a atracción innata pola beleza das diferentes cores e formas vexetais; e quen sabe se xa daquela outorgabamos un valor non utilitario e abstracto ao gusto polas flores, converténdoas en símbolo da fraxilidade e da efémera natureza da vida.

Ignoramos se este relicario é un recordo do primeiro ou do segundo enterro de Rosalía. O que si sabemos é que foi deixado en herdanza á Real Academia Galega en 1964, xunto con libros e fotografías, por Gala Murguía, derradeira representante da familia Murguía-Castro. Con todo, non dispoñemos de ningún tipo de documentación que acredite a data exacta da elaboración do relicario.

O primeiro enterro da escritora tivo lugar o 16 de xullo de 1885 no camposanto de Adina, Padrón; pero foi un acontecemento sen transcendencia social, esquecido pola inmensa maioría dos xornais; e os que non o esqueceron lembrárono cun par de días de atraso e de maneira moi telegráfica. Houbo algunhas excepcións pero foron máis ben escasas. O acto foi esencialmente privado e familiar, polo que sospeitamos que debeu ser entón cando se recolleron no relicario os recordos de Rosalía.

Pero este esquecemento lindante co desprezo aínda chegou máis lonxe, pois a modesta sepultura de Rosalía situouse nun recuncho do cemiterio comesto polas malas herbas, proba de que a igualdade de todos ante a morte non deixa de ser un mito, xa que non só unhas boas condicións de vida favorecen unha supervivencia máis longa, senón que tamén os privilexiados dispoñen, en virtude do seu capital, de mellores lugares de enterramento e de intercesores máis cualificados.

O segundo enterro lévase a cabo seis anos máis tarde, desta volta nun sepulcro en San Domingos de Bonaval. A iniciativa, como tantas outras, partiu da diáspora galega na Habana, concretamente da Asociación Rexionalista Galega, que organizou e financiou o traslado da defunta ao seu novo emprazamento, convertendo o enterro nun acto de desagravio e mesmo nun evento de exaltación patriótica, non sen certa hostilidade por parte dos poderes públicos e eclesiásticos composteláns do momento, o que provocou que os rexionalistas alixeirasen o seu discurso para facelo accesible ao arcebispado, un feito seguramente non moi do agrado de Manuel Murguía, quen se ausentou do acto que deu o disparo de saída á coroación de Rosalía de Castro como matriarca da cultura propia de Galicia e incluso símbolo da Patria Galega.

Non obstante, a consagración total de Rosalía como figura literaria universal non foi acadada ata o ano 1917, cando foi erixido o seu monumento na Alameda compostelá, o que só foi posible tras a aceptación e a asimilación das altas esferas culturais e políticas españolas presentes no acto; as mesmas que vinte anos atrás a esqueceran e que agora a gababan, oportunismo que non quedaría sen resposta por parte das Irmandadas da Fala, aínda recentemente creadas, nun artigo publicado en A Nosa Terra, no seu número 36 , do 30 de xullo de 1917, que se pode ler aquí.