'Artigos rosalianos' de Fermín Bouza-Brey

En 1970, a Fundación Barrié de la Maza concedíalle unha bolsa de investigación ao escritor e académico Fermín Bouza-Brey para que completase os seus estudos sobre a figura de Rosalía de Castro.
Imaxe de Rosalía de Castro no buscador google.
O buscador Google rendeulle hoxe homenaxe a Rosalía de Castro polo seu natalicio.


Antes de dar comezo á súa pescuda definitiva sobre a materia, Fermín Bouza-Brey (1901-1973) era xa considerado o máximo coñecedor da vida e a obra de Rosalía de Castro do seu tempo. Os seus estudos anteriores abranguían tanto a recuperación e edición de textos rosalianos inéditos ou espallados en publicacións periódicas e a análise crítica da súa obra, como a reconstrución pormenorizada do seu percorrido vital, tal é o caso de La joven Rosalía en Compostela (1852-1856), publicada xa en 1955.

Deste xeito, cando Fermín Bouza-Brey lle solicita en 1970 á Fundación Barrié de la Maza unha bolsa de investigación sobre o tema "Bio-Bibliografía documentada de Rosalía de Castro", ten máis ben como obxectivo reunir os datos pendentes de verificación sobre unha materia xa extensamente tratada ao longo da súa carreira intelectual, antes que iniciar o estudo dun asunto novo, tal e como expón na "Memoria final descriptiva de la investigación realizada", que xustifica a bolsa solicitada, e que permanecía inédita ata hoxe.

Apuntes para una bio-bibliografía documentada de Rosalía de Castro Memoria final descriptiva de la investigación realizada por el becario Fermín Bouza-Brey Trillo 1970-1971, pódese descargar nesta ligazón.

Ademais desta publicación, ofrecemos tamén a versión dixital da obra Artigos Rosalianos na que se recollen ensaios publicados na revista Cuadernos de Estudios Gallegos do Instituto Padre Sarmiento entre 1945 e 1960, e que foi publicada en 1992, ano do Día das Letras Galegas dedicado a Bouza-Brey, cunha introdución do profesor Xosé Carro Otero e un estudo introdutorio do profesor Benito Varela Jácome.

Dado o seu gran tamaño, a copia dixital deste ensaio foi dividido en dúas partes para facilitar a súa lectura, a primeira metade pódese descargar nesta ligazón [PDF 23.6Mb] e a segunda nestoutra ligazón. [PDF 26.4Mb]