O presidente da RAG participa na apertura do programa que lembrará a Torrente Ballester nos 25 anos do seu pasamento

O presidente da Real Academia Galega participou o pasado sábado en Ferrol na apertura da programación que lembrará a Gonzalo Torrente Ballester nos 25 anos do seu pasamento. Víctor F. Freixanes ofreceu un relatorio sobre a literatura do escritor, membro correspondente da RAG.

Víctor F. Freixanes, á esquerda, nun momento da súa intervención, acompañado na mesa polo alcalde, José Manuel Rey; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o concelleiro de Cultura de Ferrol, José Antonio Ponte Far. Autor: Kiko Delgado

O presidente da RAG interveu no acto celebrado no pazo municipal de Ferrol que tivo lugar tras a ofrenda floral no cemiterio de Serantes, a parroquia ferrolá, daquela concello propio, onde Torrente Ballester naceu no ano 1910. Víctor F. Freixanes lembrou na súa intervención na casa consistorial ferrolá o autor de obras como La saga / fuga de J, dende a súa perspectiva como lector, escritor e editor.