Arrinca a nova tempada da serie audiovisual 'O Seminario de Onomástica responde'

A Real Academia Galega estreou hoxe o primeiro episodio da nova tempada da serie audiovisual O Seminario de Onomástica responde. A filóloga Andrea Santiso Arias, autora do volume Toponimia de Antas de Ulla da colección Terra Nomeada, explica na entrega a orixe e o significado do nome deste concello lugués, onde se sitúa o centro xeográfico de Galicia.

Con esta nova xeira, a serie da Real Academia Galega, producida co apoio económico da Xunta, superará o medio cento de pezas sobre a historia e o significado dos nomes de lugar de todo o país, un territorio excepcionalmente rico en toponimia: Galicia ten a terceira parte dos nomes de entidades de poboación de toda España e catro mil máis ca todo Portugal. Conta ademais cun elevadísimo número de microtopónimos que designan eiras, camiños, devesas ou fontes, e cuxa recollida e xeorreferenciación se está a promover, contando coa colaboración cidadá, a través da aplicación Galicia Nomeada.

A veciñanza de Antas de Ulla puido ver previamente o vídeo de Andrea Santiso o pasado venres, na charla da campaña Toponimízate que o coordinador da unidade técnica de toponimia da RAG e de Galicia Nomeada impartiu na localidade. A investigadora e docente seoanense foi a encargada de presentar a Vicente Feijoo nun encontro no que tamén interveu a alcaldesa, Pilar García Porto.

O luns que vén, 16 de setembro, estrearase o episodio dedicado a Arzúa e conducido polo coordinador do seminario. O académico Antón Santamarina está a trazar a través da toponimia o Camiño Francés dende Pedrafita do Cebreiro.

O luns 23 de setembro difundirase o capítulo 50 da serie, protagonizado por Lidia Gómez. A colaboradora do Seminario de Onomástica é autora de Toponimia de Tordoia, outro título de Terra Nomeada dispoñible, coma todos os da colección, en versión dixital na sección de publicacións da web da Academia. A súa contribución á serie audiovisual centrarse igualmente na orixe e o significado do nome que designa o concello coruñés no que profundou o seu libro.

Pechará o mes de setembro o colaborador do Seminario de Onomástica Fernando Cabeza Quiles, autor dos volumes sobre Carballo, A Estrada e Ribeira, quen se deterá desta volta na historia do nome da parroquia ribeirá de Corrubedo.

Ao longo do outono a serie continuará con novas achegas dende Salvaterra de Miño e Laza no sur do país a lugares como Bertamiráns, Zas ou Pombeiro (Pantón) da man de distintos membros do Seminario de Onomástica como Gonzalo Navaza, Xosé María Lema, Ramón Lorenzo ou Vicente Feijoo, entre outros.