Imaxe da portada do libro co escudo do Reino de Galicia
Felipe de la Gándara y Ulloa (Allariz, 1596 – Madrid, 1676), frade agostiño de ascendencia nobre, xenealoxista e historiador, obtivo en 1656 o título de Cronista Xeral do Reino de Galicia, cargo remunerado que o convertía en historiador profesional e no primeiro cronista oficial da súa terra.
Entre as funcións desta figura recentemente creada estaban a de narrar os feitos históricos memorables, estimular, dentro e fóra do territorio, a imitación das fazañas gloriosas dos devanceiros e, en definitiva, contribuír á exaltación do Reino.
Dado que a imaxe de Galicia se caracterizaba por unha deformación constante da realidade, que ata en ocasións chegaba á mofa a través de xéneros como o teatro, precisábase dunha historia apoloxética como medio e instrumento para demostrar a grandeza do Reino e a superioridade dos galegos. Xorde deste xeito, en 1662, a obra de Felipe de la Gándara Armas i triunfos. Hechos heroicos de los hijos de Galicia, que sairía de novo á luz en 1677, refundida e ampliada, baixo o título Nobiliario, Armas i triunfos de Galicia.
De la Gándara documéntase amplamente para levar a cabo esta obra, recorrendo a Estrabón, Plinio ou santo Agostiño, Afonso X, Nebrija ou Florian de Ocampo, entre outros moitos autores consagrados.
Pese a que parte das crónicas que circulan durante o século XVII son de dubidosa credibilidade, o autor pretende en todo momento achegarnos á verdade dos feitos históricos, aínda que ás veces esvare perigosamente sobre algún dato incerto tomado doutro autor, mais non creado por el. Deste xeito, o noso cronista chegará a constituír unha importante fonte á que acudirán os historiadores posteriores.
A obra é concibida como unha historia xenealóxica de carácter militar, onde as liñaxes xogan un papel fundamental pola súa participación gloriosa nos feitos históricos e onde o protagonismo é dos devanceiros heroicos en detrimento das clases populares e os movementos sociais, dos que se ocuparán outros autores como López Ferreiro, Lence Santar ou Portela Pazos, varios séculos despois.
Felipe de la Gándara amósanos, ademais, un pobo con identidade propia; feito que a portada do libro corrobora lucindo un fermoso gravado co escudo de Galicia.
O exemplar que posúe a Real Academia Galega, encadernado en pergameo e con varias anotacións manuscritas, tivo entre os seus propietarios, xa no século XIX, a Manuel Murguía, insigne historiador e primeiro presidente da institución. Posuidor dunha importante biblioteca, produto das súas inquietudes intelectuais e o seu amor polos libros, non dubidou en vender parte dos exemplares, aínda que ocasionalmente, como fonte de ingresos para paliar a súa escaseza de recursos económicos.
Deste xeito e como testemuña a nota manuscrita que aparece na garda de Armas i triunfos, este volume foi adquirido no ano 1879 por Ramón Segade Campoamor, amigo de Murguía. Cincuenta anos despois, con data de 20 de agosto de 1929, aparece inscrito no antigo Libro de Rexistro da biblioteca da Real Academia Galega como procedente dunha compra.