Manuel María traballou neste libro de poemas ao longo de 1992. Un ano despois, a revista lusa Cadernos do Tâmega publicaba unha escolma cunha ducia do medio cento de composicións que o integran, pero foi en 1997, o mesmo ano en que a Real Academia Galega lle dedicou o Día das Letras Galegas a Ánxel Fole, cando viu a luz toda a obra, dentro da colección "A Illa Verde" de Espiral Maior.
O poeta concibiu Sonetos á Casa de Hortas como un intento de reflectir os seus "máis íntimos sentimentos" e, ao mesmo tempo, facer un retrato da casa natal, espazo esencial na súa vida e hoxe convertido na Casa-Museo Manuel María, o lugar escollido pola Real Academia Galega para celebrar o vindeiro 17 de maio nunha extraordinaria sesión aberta ao público. O escritor dedícalles nesta obra versos ás persoas que habitaron a casa e o seu corazón: a súa compañeira Saleta, o tío Pepe, o crego de San Froilán co que viviu en Lugo tras a morte do seu pai; o irmán máis novo, que morreu sendo aínda un neno; os avós, a súa nai... E tamén a amigos como Ánxel Fole, o protagonista da composición que se reproduce deseguido.
Na casa estivo Ánxel Fole -¡si señor!-
Na casa estivo Ánxel Fole -¡si señor!-
Merlán, Gamallo, Pousa, Novoneyra,
Lois, Díaz Castro, Senén coa compañeira,
Alfonso, Estévez, a Ledo e Blanco-Amor…
As estancias aínda gardan o rumor
de aquelas súas palabras feiticeiras,
a conversa xentil, as boas maneiras,
a requintada gracia, o fino humor…
Só acredito no certo da incerteza:
un triste fado, silencioso e cruel,
levounos, sen razón, tanta riqueza.
Pro agradecémoslle ao tempo a xentileza
de lle deixar aos Hortas un ronsel
aberto pola luz cara á beleza…