"Antonio Fraguas teceu unha rede de persoas para recoller patrimonio inmaterial de distintos puntos de Galicia"

Malores Villanueva comparte raíces co protagonista do Día das Letras Galegas. Coma el, é natural de Cotobade, onde atopou algúns dos testemuños máis especiais de Antonio Fraguas. Mestre da memoria (Galaxia, 2019). O volume presenta os distintos perfís do autor como estudoso, desde a etnografía á xeografía e a historia, pero achega tamén un retrato máis persoal trazado coa axuda de veciños e veciñas que lembran a súa preocupación polo progreso do seu pobo. A profesora e investigadora tamén fixo calas na correspondencia de Fraguas que amosan a rede de informantes que teceu para ampliar a recollida de exemplos da cultura popular inmaterial, desde cantos de Nadal a xeitos de celebrar o Entroido, a festa na que quizais máis profundou.

Malores Villanueva. Autora: Ana Casal


Temos escoitado moitos testemuños de persoas que trataron a Fraguas como profesor ou compañeiro en distintas institucións, pero vostede achega as voces de veciños e veciñas que aínda viven e que o coñeceron sendo aínda novo e nun contexto diferente.
Son de Cotobade e tiven a sorte de acceder a esas fontes primarias que son as persoas que aínda viven e que o trataron non cando era pequeno, pero si cando tiña uns 20 anos e aínda ía con frecuencia á casa familiar. Pareceume interesante recoller esa memoria viva de veciños e veciñas de Loureiro, xente que o coñeceu cando aínda era novo e estudaba en Santiago de Compostela. Penso que é enriquecedor, achegan ese lado humano que ás veces nos custa ver a quen só o coñecemos a partir dos documentos.

Como o recordan?
Como unha persoa moi bromista e moi implicada coa veciñanza. Axudou, por exemplo, a moitos veciños a conseguiren bolsas, nunha Galicia rural que moitas veces estaba lonxe de saber como acadalas, e tamén cedeu terras para que as traballasen e obtivesen cartos para axudar a familiares a estudar. É moi entrañable. Outra cousa que me sorprendeu foi a súa preocupación polo medio natural, tiña claro que era necesario repoboar os montes. Unha das veciñas coas que falei, Amparo Rodríguez Vidal, contoume como plantaron 300 piñeiros. Tamén o recordan no seu balcón cun caderniño apuntando os cantos da veciñanza. Todo isto debuxa un Fraguas preocupado por moitos aspectos da sociedade.

Outra fonte da biografía é a correspondencia de Antonio Fraguas. Que foi o que máis lle chamou a atención destas cartas?
Consérvase moitísima correspondencia porque gardou absolutamente todo, así que fixen pequenas calas. No Museo do Pobo Galego está a que lle enviaron e tamén algún borrador das cartas que el mandaba; na Fundación Penzol gárdanse as que el enviou a Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego e Ramón Otero Pedrayo. Entre as que recibiu, hai moitas de persoas que lle fan chegar, a petición súa, reis, nadais, romances ou tradicións do Entroido. Pareceume moi interesante esa rede que el teceu para recoller información doutros puntos de Galicia que non coñecía ou aos que non podía ir.

Quen eran eses informantes?
Entendo que moitas veces eran mestres, porque comentan que lles piden colaboración ao seu alumnado. Outros eran amizades.

Esa rede permitiu conservar un importante legado común ao que dalgún xeito fai referencia no título do volume, 'Antonio Fraguas. Mestre da memoria'.
Para min mestre e memoria son dúas palabras clave. Fraguas foi mestre en dous sentidos. Exerceu a docencia nas aulas e o seu alumnado fala do gran profesor que era. El mesmo dixo que o día que conseguiu a cátedra que lle permitiu volver a ensinar nun instituto, no ano 1950, foi o máis feliz da súa vida, o que dá unha idea de que a súa profesión era a súa vocación. Pero tamén foi mestre fóra das aulas porque desde que se xubilou en 1975 e ata o ano que morre, 1999, coido que o foi en moitos ámbitos para moita xente que traballou con el, por exemplo no Museo do Pobo Galego.

E logo está a memoria, que é quizais unha das partes máis importantes dos seus traballos. Fraguas transmítenos a memoria do que fomos, da Galicia do século XX, que non se parece moito a esta Galicia actual no que respecta ás festas, ás tradicións, á maneira de relacionarnos coa morte, á estrutura familiar... toda a cultura material e inmaterial que el recolle. Nos seus escritos demostra que era consciente de que a cultura tradicional de noso se esvaecía e quixo gardar a memoria e legarnos as nosas raíces.

Esta faciana que comenta é seguramente a máis coñecida de don Antonio. Que outro Fraguas descubriu no proceso de documentación?
Non sabía que fora represaliado e todo o que pasou para volver conseguir unha praza docente. Todo isto sabíao de moitos outros galeguistas, pero no caso de Fraguas descoñecía tanto esta etapa como a anterior a 1936. Coñecía os seus traballos como investigador, pero non sabía que chegara a ser secretario xeral do Partido Galeguista na Estrada, que participou no que se supón que foi o último mitin de Castelao en Galicia ou que foi membro das Irmandades da Fala. Cando [na carreira] estudamos o Seminario de Estudos Galegos ou o Partido Galeguista, nunca saíu o seu nome, fálase doutros persoeiros pero non de Fraguas.

Quizais isto se deba ao seu carácter humilde, nunca buscaba protagonismo.
Si, aí están as súas palabras cando o propoñen para ingresar na Real Academia Galega, entende que non o merece e menos na cadeira do seu amigo e mestre Castelao. Pero tamén é certo que nunca quixo falar en profundidade da etapa da guerra, deses "anos do horror", como el os chamou nunha entrevista. Os veciños contan que pasou moitísimo medo e coido que iso tamén o levou a non querer falar da súa experiencia. Nunha entrevista que se recolle no libro cóntase que Piñeiro foi á Academia a preguntarlle se quería participar na reorganización do Partido Galeguista, el negouse porque tiña medo. De feito, xa non volveu participar en política, tampouco na democracia.