Pola esquerda, Antón Rey, Henrique Monteagudo e Vicente Feijoo na presentación do libro.
Fonte: RAG
O presidente da Real Academia Galega falando de Son galego.
Fonte: RAG
O alumnado dos XXXV Cursos Galego sen fronteiras seguindo a presentación.
Fonte: RAG
Antón Rey asinando un exemplar do seu poemario.
Fonte: RAG
Son galego (Medulia, 2025) é un libro de homenaxe ao seu avó Juan Antonio Rey Vara, muradán da parroquia de San Xián de Torea e emigrante en Buenos Aires que lle deixou un legado imborrable. “Eu non cheguei ao galego porque lese a Rosalía de Castro ou a Daniel Castelao. Eu cheguei ao galego desde outro lugar máis íntimo, persoal, a través do meu avó. Del aprendín a amar Galicia”, salienta Antón Rey. Un amor que non divide, senón que multiplica. “A miña galeguidade non colide coa miña arxentinidade. Eu ía ao cemiterio da Chacarita e visitaba catro tumbas: a do meu avó, a da miña nai, a de Castelao e a de Carlos Gardel”, confesa.
“Antón Rey é un bo exemplo de ata que punto a construción da identidade das persoas é unha construción voluntaria”, sinala o presidente da RAG, natural, coma o avó do autor, de Muros, e membro tamén dunha das tantísimas familias galegas marcadas pola emigración a América. Henrique Monteagudo define Son galego como unha obra de “poética sinxela, directa, moi Borges”, unha “declaración de amor absolutamente confesional, aberta, sincera”.
O poemario reúne as primeiras composicións poéticas de Antón Rey sobre Galicia e o seu avó escritas tras a súa primeira viaxe a Galicia e publicadas, no ano 2002, nun “protolibro” que saíu do prelo en Buenos Aires, e mais outras posteriores. As páxinas acubillan ademais fotografías da súa autoría de San Xián de Torea e outros espazos do rural galego que evocaba o avó Juan Antonio na súa memoria. Esta nova edición ampliada preséntase con prólogo de Suso de Toro, quen destaca que a ollada de Antón Rey “refresca con luz viva todo o que nós aquí vemos vello” e nos lembra que “é luminoso”. Pero Antón Rey non só escribe en galego sobre o mundo da aldea que abandonou o avó emigrante na primeira metade do século XX. “Fixen do galego unha ferramenta para falar do mundo, do que sexa”, conclúe.
Mestre de primeira e profesor de secundaria de profesións, Antón Rey realizou os seus primeiros cursos de galego na Arxentina. En 2023 e 2024 foi alumno dos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”, onde destacou non só polo seu dominio do galego, senón tamén polo seu carisma, recorda o seu profesor Vicente Feijoo.