É certamente curiosa a historia semántica da palabra antergo, que, aínda que non figura como recomendable no Dicionario da Real Academia Galega, presenta unha vitalidade extraordinaria na literatura e nos textos cultos ao longo de todo o séc. XX.
Estamos en realidade diante dunha variante da palabra entrego que, a través dunha forma intermedia antrego, xerou por metátese o resultado antergo. Desde o punto de vista do seu significante estamos pois diante dunha forma que presenta dous fenómenos moi comúns na dialectoloxía do galego: a) o paso de en- a –an (como ocorre cando dicimos antroido en vez de entroido); e b) unha metátese semellante á que se produce cando dicimos cabirto en vez de cabrito ou cando dicimos birta ao lado de brita.
A palabra entrego (e, xa que logo, a súa variante antergo), procedente do lat. INTEGRUM, tiña ata comezos do séc. XX, e segue tendo aínda hoxe, o significado de ‘enteiro', ‘xa completo', ‘que posúe todos os atributos propios do substantivo ao que se aplica'. Daquela, un home entrego será aquel que xa non é un rapaz e que está en posesión de todas as características dunha persoa adulta. Ata aquí todo parece normal.
Pero a comezos do século XX produciuse unha deriva libresca do significado da palabra, que podemos seguir perfectamente a través dos dicionarios e dos textos literarios. Valladares no 1884 é o primeiro lexicógrafo que rexistra a voz antergo e defínea como ‘ya de edad', sen dúbida para referirse a contextos de uso como Xan é un mozo entrego, e se non casa pronto axiña lle vai pasar o sol pola porta, para indicar que é xa un mozo feito e dereito, xa entrado en anos. E este é o significado que dá tamén o Dicionario da RAG do ano 1913: ‘Dícese de la persona ya entrada en años. Lo mismo que ENTREGO'. Pero os dicionaristas posteriores interpretaron o ‘ya de edad' de Valladares como ‘anciano, viejo', e mesmo o substantivaron achegándolle o significado de ‘ascendente, antepasado', como fai Filgueira no 1926, e case todos os lexicógrafos posteriores.
Por que se produciu este cambio semántico? Parece claro que o factor que facilitou a reinterpretación semántica como ‘vello' e ‘antepasado, devanceiro' foi a paronimia con antigo, que acabou atribuíndo a antergo os significados que ten antigo.
A Real Academia Galega admite no seu Dicionario antergo, aínda que como variante de entrego, que é a forma recomendada. Pero só admite o significado que ten hoxe entrego:
entrego/a adx. [Persoa]. que, pola súa idade, acadou xa o seu desenvolvemento completo < antergo. É mozo entrego e xa podía ir casando. É unha muller entrega e con moita experiencia.
Pero debería a Real Academia Galega darlles cabida tamén ás acepcións novas que se xeraron ao longo do séc. XX de ‘antigo' (As sete capitais do antergo Reino de Galicia) e de ‘devanceiro' (O espírito dos nosos antergos)? Desde logo, o uso literario destas acepcións é abundantísimo. Velaquí un problema para o debate.