Que características definen, ao seu parecer, a obra de Vidal Bolaño?
Salientaría seu interese por amosar o comportamento humano. Os seus textos caracterízanse por ser realistas e esperpénticos a un tempo, creando así personaxes ficticios pero moi recoñecibles pola xente do común. Esperpento e realidade non lle impiden ofrecer unha visión moi crítica sobre a nosa sociedade.
Que importancia tivo a súa figura -como autor, director e actor- na constitución do teatro galego moderno?
Roberto Vidal Bolaño esfórzase en toda a súa obra por crear "por" e "para" o público. Sempre desde o seu punto de vista crítico, non esquece xamais a súa ansia por mudar a sociedade na que vive. Deste xeito rompe coas barreiras dun teatro elitista achegándose a un pobo intelixente e activo que é o destinatario da súa obra.
Que vixencia conserva a súa obra no contexto actual?
En 2011 estréase Doentes filme rodado por Gustavo Balza. Don Valeriano e Cañete son vítimas da reconversión dun Hospital Real nun hotel de luxo por orde de Franco. Esta historia que podería ser lembrada coma un vello conto do pasado, dista moito de selo por estar baseada nun feito real. Actualmente, asistimos impotentes á precariedade e destrución do sistema público da sanidade. O que Bolaño en 1996 escribiu xa, mirando cara o pasado, podería facelo hoxe observando a nosa realidade. O mesmo ocorre co escurantismo e a superstición (tan criticados polo autor) que a Igrexa Católica exerce sobre a sociedade galega nestes tempos que nos tocou vivir.