Antón Santamarina: “A recompilación do noso cancioneiro case lles debe tanto, mesmo máis, ás persoas de fóra de Galicia cás locais”

Entre 1982 e 1995 saíron do prelo os sete volumes do Cancioneiro popular galego recollido e ordenado por Dorothé Schubarth e Antón Santamarina. O traballo comezara en 1978, cando a etnomusicóloga suíza chegou a Galicia á procura de melodías arcaicas. O que ía ser unha parada máis no seu percorrido pola Península Ibérica converteuse nunha longa estadía que dotou a Galicia do que se considera hoxe a biblia dos cancioneiros. “A súa chegada foi moi oportuna, nun momento de cambio en que aínda vivían moitos informantes e non tiñamos musicólogos cunha formación equivalente á súa”, salienta Santamarina, que impartiu este mediodía unha charla sobre a historia dos cancioneiros galegos para o alumnado dos XXXV Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”.

O académico de número dedicoulle á Dorothé Schubarth (1944-2023) unha parte destacada da súa intervención dentro do programa de palestras desta cita que coorganizan a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da USC, co apoio económico da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. 

“Era unha persoa cun entusiasmo enorme pola música, e persoalmente bastante esixente. O seu traballo é especialmente relevante porque, a diferenza doutros, inclúe rexistros sonoros. Unha vez concluída a publicación do Cancioneiro popular galego, seguiu vindo desde Suíza a Galicia todos os anos, especialmente tras a súa xubilación no 2015, para ofrecer a través da páxina web do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego os cortes das melodías cos datos correspondentes sobre cada informante e a localidade da recolla. Esoutro traballo, que realizou coa axuda de Concha Losada, foi tamén moi laborioso”, lembra Antón Santamarina.

O profesor trazou previamente un percorrido polos cancioneiros históricos, nos que abundan tamén, antes da chegada de Dorothé Schubarth a Galicia, as achegas doutras persoas non galegas. “É interesante ver como foron bastantes ‘estranxeiros’ os que se dedicaron á recolla das nosas coplas. A recompilación do cancioneiro galego case lle debe tanto, mesmo máis, ás persoas de fóra de Galicia cás locais”, reflexiona. A primeira delas foi –enumera– o madrileño José Inzenga (1828-1891), que en 1888 incluíu en Cantos Y Bailes Populares De Espana cancións galegas. O catalán Felipe Pedrell (1841-1922) tamén se interesou polo folclore de noso no seu Cancionero musical popular español, como tamén o fixo o burgalés Pedro Echevarría Bravo (1905-1990), autor do Cancionero de los peregrinos de Santiago (1965).

O asturiano Eduardo Martínez Torner, director da sección de musicoloxía do Centro de Estudios Históricos da Junta de Ampliación de Estudios, recolleu entre 1928 e 1934 coplas por distintos puntos de Galicia canda o lugués Jesús Bal y Gay. A obra, con arredor de 1.300 melodías, quedou incompleta por mor da guerra. As follas deste traballo aparecerían no leñeiro do CSIC, segundo conta Filgueira Valverde no prólogo da primeira edición, de 1973. “O encargado de botar a leña á caldeira da calefacción levoulle aqueles papeis a José M. Alabareda, crego do Opus e responsable do CSIC desde 1938, que os mandou gardar. Así foi a maneira de que se salvase da queima o cancioneiro galego de Bal e Torner”, rememora Santamarina.

Mención especial merece o etnomusicólogo estadounidense Alan Lomax (1915-2002), un dos folcloristas máis destacados do século XX. As gravacións que realizou na Galicia dos anos 50 poden escoitarse na páxina web do seu arquivo dixital.

Dorothé Schubarth con Elisa e Delfina, informantes do Cancioneiro popular galego (1979). Fonte: Colección Antón Santamarina

Un viveiro de embaixadores do galego
Os XXXV Cursos reúnen este mes de xullo en Santiago de Compostela sesenta estudantes procedentes de vinte países de Europa, América e Asia. Desde a primeira edición en 1988, polas aulas pasaron máis de 2.500 estudantes que proxectan a nosa lingua por todo o mundo como Johannes Kabatek, catedrático de Lingüística Románica da Universidade de Zürich e académico correspondente; Maria Boguszewicz, directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Varsovia; Rob Boland, catedrático da Universidade de Sydney; a poeta e tradutora Erin Moure ou Anik Nandi, director do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Woxsen (A India), o primeiro de Asia. En recoñecemento á súa importante achega á difusión internacional da lingua e da cultura de noso, os Cursos foron recoñecidos en 2023 co Premio da Cultura Galega de Proxección Exterior.

O programa da actividades complementarias da semana que vén arrincará o luns 14 de xullo (13 horas) coa presentación do poemario Son galego de Antonio José Francisco Rey, exalumno dos Cursos. O autor, nado na Arxentina, estará acompañado polo presidente da RAG, Henrique Monteagudo. A cita será na Facultade de Filosofía da USC, que acolle o groso da programación. Esa mesma tarde (19 horas), a Igrexa da Universidade acollerá un obradoiro de baile galego para o alumnado a cargo da profesora Carme Campo.

O martes 15 de xullo a escritora Paula Carballeira impartirá unha charla sobre a oralidade na literatura galega do século XXI, e o xoves 17 Antonio Reigosa afondará na literatura tradicional oral. Na véspera, na tarde do mércores 16, o parque de Bonaval será o escenario dun encontro de confraternidade (18:30 horas).