Un idioma é, xaora, unha creación colectiva, a obra secular de todo un pobo, pero é ben sabido que en ocasións os escritores crean individualmente palabras que acaban sendo asumidas pola comunidade. Un dos casos máis falados é o de Dante, a quen se lle atribúe a creación dunha ducia longa de palabras, a maioría forxadas para as comenencias expresivas de La Divina Commedia, que pasaron a formar parte do italiano común.
Mais isto non é un privilexio dos escritores: calquera falante pode crear, mesmo por casualidade, un neoloxismo, e pode suceder que esa palabra teña xeito e graza, que empece a estenderse coma as ondas que fai un coio ao caer na auga, e que logo acabe extinguíndose coma esas ondas, ou pola contra que se solidifique e acabe sendo acollida polos dicionarios académicos. E xaora, no caso das linguas de cultura os filólogos son a miúdo chamados a crear palabras necesarias ou convenientes para designar novas realidades ou para substituír estranxeirismos indesexables. A quen se lle acorda hoxe de que beirarrúa é un feliz "produto de laboratorio" que arraigou perfectamente tanto na lingua escrita coma na oral?
Unha das palabras máis belas e singulares da nosa lingua é quizabes anosar, que significa simplemente "traducir á nosa lingua", pero que ten unha carga poética e afectiva suplementaria, derivada do seu singular modo de expresar o núcleo significativo: o noso, o que é de nós.
O inventor desta xoia verbal foi aquel ourive da linguaxe que se chamou Álvaro Cunqueiro. N'O incerto señor don Hamlet lemos uns [reis de Dinamarca] que se chaman os Hardrada, apelido que se anosa dicindo «pelo roxo». E no Merlín e familia tamén achamos o demo que en alemán se chama «Hornspiegel», que se anosa por «espello de corno».
Curiosamente, aínda que a palabra é bastante usada na conversación por moitas persoas con forte cultura literaria, non parece que tivese moita fortuna en libros doutros autores. É posible que, como non aparecía nos dicionarios, un concepto demasiado estrito da disciplina lingüística disuadise do seu emprego formal, ben porque os escritores non se atrevesen, ben porque os correctores non o permitisen. Na Rede aparece de cando en cando, ás veces cun desprazamento semántico moi natural cara ao sentido de "adaptar ao noso xeito". E como dato curioso: un grupo de tradutores radicado en Santiago de Compostela adoptou xa hai ben anos o verbo cunqueiriano como nome comercial: Anosar Traductores SL.
Pero estamos absolutamente seguros de que foi Cunqueiro quen o inventou? Non llo oiría a un calquera dos outros feirantes cos que se cruzou na súa viaxeira e conversada vida?
Nunha das súas últimas sesións de traballo, o Seminario de Lexicografía decidiu incluír esta fermosa palabra no Dicionario da Academia. Mil primaveras para ela!