Tribuna

A marquesiña

“A marquesiña” é unha das creacións máis coñecidas de Castelao. Neste pequeno relato conflúen moitos dos trazos definitorios da súa personalidade artística e creadora: a combinación de texto e imaxe en sutil complementariedade; o carácter precursor dun xénero tan identificado coa posmodernidade, o microrrelato, do que foi un magnífico antecedente; o minimalismo e a contención expresiva tras os que se intúe unha grande profundidade, debedora de elementos contextuais, sociais e históricos. A través de todos estes elementos emerxe o compromiso social e o retrato das circunstancias específicas da Galicia á que pertence e coa que se identifica.

Na súa aparente sinxeleza, no seu achegamento intencionado na sintaxe e na selección léxica á sensibilidade infantil, “A marquesiña” agocha a denuncia dunha forma de violencia estrutural na que conflúen as subalternidades de clase e de xénero que marcaron fondamente a Galicia tradicional, a dos pazos e os señores, a das criadas e as costureiras. Mulleres traballadoras que sufrían non só a desigualdade económica e a explotación laboral, senón tamén o acoso sexual, vítimas dunha sociedade que despois as condenaba a elas e aos propios fillos e fillas nacidas do abuso. Velaí a marquesiña.

Chámanlle a «Marquesiña» e os seus peíños endexamáis se calzaron.
Vai â fonte, depelica patacas e chámanlle a «Marquesiña».
Non foi â escola por non ter chambra que pôr, e chámanlle a «Marquesiña».
Non probou máis lambetadas que unha pedra de zucre, e chámanlle a «Marquesiña».
A sua nai é tan probe que traballa de xornaleira na casa do Marqués.
¡E ainda lle chaman a «Marquesiña»!

A dimensión poliédrica de Castelao fixo que, segundo o momento e a perspectiva, se salientase un ou outro aspecto da súa personalidade: político, escritor, artista plástico, símbolo de Galicia no exilio, autor do Sempre en Galiza e membro da Xeración Nós. Mais nesta obra mínima, contida nunha soa páxina, están presentes todas esas facetas. E, por se fose pouco, convídanos a aplicar conceptos tan actuais como multimodalidade ou interseccionalidade.

Non son moitos os escritores que cultivaron as artes plásticas. Mais os que o fixeron souberon dotar a imaxe dun singular sentido. Velaí o exemplo de William Blake, que no seu retrato de Newton —enfrascado nos cálculos, mergullado nun mar de marabillas ás que permanece cego— deu expresión visual ao rexeitamento romántico da Ilustración. Na cultura galega, Luís Seoane e Castelao sobrancean nesta dobre dimensión creadora. Mesmo nos relatos de Retrincos, aínda que sen imaxes, un cadro ocupa un lugar central, como acontece en “O retrato".

E, se no texto contrasta a sinxeleza verbal e construtiva coa complexidade e o trasfondo do transmitido, tamén no debuxo confronta a requintada e barroca decoración da fonte coa sinxeleza de trazo da nena, cos seus pobres vestidos; a firmeza e permanencia da pedra coa vulnerabilidade da cabeza vencida. O final é autenticamente epifonemático: condensa nunha liña o necesario para que a totalidade cobre sentido, resignificándose, revelándose a xeito de epifanía, como é case preceptivo no microrrelato.

A funcionalidade do texto breve, evocador e ateigado de implicaturas contextualizadas, culmina na serie de debuxos de Castelao sobre a Guerra Civil. Tamén nos 12 debuxos de negros, realizados durante a súa estadía en Cuba a finais dos anos trinta. Un home caído no chan observado por dous nenos pode ser moitas cousas e ningunha en concreto. Mais, cando ao pé se le “A derradeira lección do mestre”, a obra condensa todo un trauma histórico e dálle expresión artística. Velaí a arte de Castelao: unha arte da confluencia, da interseccionalidade, da mestizaxe e da suxestión. Pechando sempre coa palabra xusta, que se converte na luz que ilumina e revela o significado.

María López-Sández
Académica numeraria da RAG