Aniversario do ingreso de Alonso Montero na Academia

O 30 de outubro de 1993 celebrouse, no do Instituto Otero Pedrayo de Ourense, o acto de ingreso de Xesús Alonso Montero na Academia cun discurso titulado: "Manifiestos" en verso en favor da poesía civil nos primeiros tempos da posguerra na Galicia da terra e na Galicia emigrante (1939-1962).
Alonso Montero
Xesús Alonso Montero


O seu discurso de entrada trata dun tema practicamente inédito na historiografía literaria galega da época: os manifestos en verso, por que escolleu esta materia, e por que esas dúas datas?
Escollín esas dúas datas, a primeira por motivos obvios, e a segunda porque é o ano da publicación de Longa noite de pedra. A min o que me interesaba era facer a prehistoria da chamada poesía social en Galicia, botando man de textos de autores apenas coñecidos, como foron Albino Núñez, pai do gaiteiro Carlos Núñez, por certo, e Xervasio Paz Lestón. Isto pode semellar, en aparencia, un capítulo menor na nosa literatura, pero é importante porque estes autores preludiaron o que despois habían escribir Celso Emilio e Luís Seoane, que son os únicos que na Escolma da poesia galega 4, de Del Riego de 1955, que é unha antoloxía consultada, se declaran próximos aos postulados da poesía social, que chegou á nosa literatura de xeito relativamente serodio.

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero

Agora que estamos practicamente dándolle o albaroque ao Ano Vidal Bolaño, que valoración lle merece?
Por suposto a min gustaríame que o ano Vidal Bolaño fose mellor, pero aínda así, se consideramos o número de publicacións, artigos e, sobre todo, de representacións de obras de Vidal Bolaño –e sería un dato moi interesante, por certo, saber cantas veces levaron a escena obras de Roberto ao longo deste ano- podemos afirmar que este foi un dos anos, dos cincuenta e dous que levamos celebrando o Día das Letras Galegas, nos que o autor homenaxeado tivo máis presenza. E hai que ter en conta que o Ano Vidal Bolaño aínda non rematou: na vindeira Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia vanse celebrar uns faladoiros sobre este autor e representar obras súas, e nós tamén, desde a Academia, imos facer unhas Xornadas arredor de Vidal Bolaño, xa que a nosa actual situación económica non nos permite facer un congreso, como de feito nos gustaría. En definitiva, eu penso que Vidal Bolaño tivo unha gran presenza pública ao longo deste ano, determinada, seguramente, polo feito de estarmos ante un autor dramático, e das súas obras conservaren moita actualidade.

Por último, a Academia escolleu a Xosé María Díaz Castro como protagonista do Día das Letras Galegas do ano que vén, cal é a súa valoración do poeta de Friol?
Pois eu penso que o ano que vén a Academia vai ter a oportunidade de demostrar que non se equivocou na escolla de Díaz Castro, que, aínda que sempre hai unha morea de autores e autoras merecentes dun Día das Letras, Díaz Castro era un deles. Son consciente de que unha das cousas que se din na súa contra é que tivo pouca obra, e sobre esta cuestión teño que dicir que San Juan de la Cruz non escribiu máis dunha ducia de poemas e, aínda así, é unha das cimeiras da historia da literatura, desde o meu punto de vista.

A min gustaríame tamén que se falase, ao longo do ano que vén, de como foi o achegamento de Díaz Castro á nosa literatura, porque é un autor que chegou tarde ás nosas letras, que, a pesar de ser de preto de Mondoñedo e de estudar no seu Seminario, non coñece a obra de Leiras Pulpeiro ata a súa madurez. O caso é que chega tarde, pero con forza: Nimbos é unha obra dunha gran densidade poética, aínda que non tivo moita repercusión pública no momento da súa publicación porque daquela o que se estilaba era a poesía social, como a Longa noite de pedra, de Celso Emilio, que se publicou na mesma colección, Salnés, uns meses despois de Nimbos, e foi un verdadeiro acontecemento. O caso é que esta obra tivo que facer unha verdadeira travesía do deserto ata atopar a estima do público que merece, pois estamos ante un libro de poemas extraordinario, eglóxico -como todos os da escola de Mondoñedo- relixioso e que contén ese poema, "Penélope", que dá para tantas lecturas e que nunca acabaremos de ler completamente, como pasa cos grandes poemas.