Aniversario do Banquete de Conxo

O 2 de marzo de 1856 tivo lugar, na carballeira do desamortizado mosteiro de Conxo, o célebre xantar no que participaron, entre outros, Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal.
Eduardo Pondal
Eduardo Pondal


O xantar celebrouse no contexto do chamado Bienio Progresista (xullo de 1854-xullo de 1856), que, logo da Revolución de 1854, levara ao poder en España, por primeira vez desde 1843, un goberno de signo progresista so o reinado de Isabel II, que restaurou algunhas das liberdades proscritas durante a chamada Década moderada (1844-1854), nomeadamente as de expresión, imprenta, reunión e asociación política.

Segundo o académico Xosé Ramón Barreiro Fernández: "Unha xeración formada por Pondal, Aurelio Aguirre, Rodríguez Seoane, Rosalía de Castro, Paz Novoa…, que se reúne nos salóns do Liceo da Xuventude que comunica as súas inquedanzas políticas e sociais, que vive con paixón as preocupacións literarias ás que todos eles dedican os seus esforzos xuvenís, contáxiase das ideas sociais que, procedentes de Francia, chegan ata Santiago. Estas ideas son de fraternidade entre as clases, de igualdade e de especial atención cara ao proletariado". (Galicia. Historia. Coruña: Hércules de ediciones,1991. vol. VI, 361).

Son, pois, os membros desta mocidade progresista santiaguesa, dirixidos por Aurelio Aguirre, os promotores do xantar de confraternidade interclasista de Conxo, no que se xuntaron cen artesáns e obreiros da cidade con outros tantos estudantes que son os encargados de lles serviren o almorzo, rodeados todos eles dun forte dispositivo de seguridade ordenado pola autoridade civil santiaguesa con fins disuasorios.

O contido político do Banquete fica aínda máis esclarecido en versos coma os seguintes tirados do recitado de Pondal: "brindo por el pueblo soberano", no que refusaba do dereito divino como criterio de lexitimidade política; ou "¿Quién dio mayor nobleza/al corazón de un déspota tirano/que al honrado sudor del artesano?", onde facía explícitos os seus ideais igualitaristas no social. Unha transcrición do brinde de Pondal pódese ler aquí, no Boletín da Academia Nº116. O brinde de Aurelio Aguirre pódese ler nesta ligazón.

As consecuencias do Banquete de Conxo non se fixeron agardar. O gobernador civil da Coruña inicia un proceso gobernativo contra Pondal e Aguirre no que solicitan para os dous mozos unha pena de desterro ás Illas Malvinas que finalmente non lle é aplicada grazas "ao sentido común dun fiscal de Santiago" (Ibid, 362). Secasí, a autoridade relixiosa compostelá obriga a Aguirre a se retractar publicamente do contido dun dos seus versos que declaraba: "Cristo es hijo del pueblo".

Como non podía ser doutro xeito, este acontecemento suscitou tamén un grande eco na prensa galega da época, onde a maioría dos medios tomaron partido en contra dos mozos reunidos en Conxo. Porén, un xornal racha con esta unanimidade, trátase de La Oliva, dirixida desde Vigo por Manuel Murguía, e que conta coa colaboración dos irmáns Chao, e do editor Juan Compañel, que ha imprentar, sete anos máis tarde, a primeira edición dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro.

Deste xeito, no seu número 16, do 26 de marzo de 1856, La Oliva, ademais dunha afervoada defensa dos seus ideais progresistas ("Con febril afan se agitan las banderas reaccionarias, los hombres vencidos en Julio y los partidarios de la quimera política y filosófica, llamada derecho divino, para oponerse á la marcha triunfal del espiritu humano, y sostener indefinidamente el reinado del despotismo y del error."), publica o texto íntegro do "Brinde" de Pondal, e un artigo na súa defensa e na de Aguirre: "Dos palabas imparciales sobre el banquete celebrado en las inmediaciones de esta ciudad el día 2 de marzo, en contestación á las calumnias que, ya de palabra, ya por escrito, se esparcen con empeño", que se poden consultar aquí.

Unha copia manuscrita do "Brinde" de Pondal conservada no Arquivo da Academia pódese descargar aquí.