Ilustración de Román Navarro para a edición de Proezas de Galicia de 1893
O resultado da batalla podemos consideralo incerto, pois ambos bandos reclamaron como vitoria o acontecido aquel día. Fose como for, o certo é que naquel feito de armas causou baixa o xeneral británico John Moore (1761-1809), quen pasaría de inmediato a formar parte da haxiografía militar inglesa nun famoso poema de Charles Wolfe.
Este episodio da Batalla de Elviña recibiría tamén unha grande atención no noso país, quer no eido literario -como no poema de Rosalía de Castro incluído en Follas Novas que se pode ler aquí-, quer no historiográfico, como neste artigo de Tettamancy, estoutro de Uxío Carré Aldao ou este de Otero Pedrayo.
A Guerra da Independencia foi, asemade, o motivo da publicación, en 1810 e con fins propagandísticos, do libro Proezas de Galicia de Fernández e Neira, un dos primeiros textos impresos integramente en galego, e que se pode descargar aquí.
A tumba de Sir John Moore pódese visitar nos Xardíns de San Carlos, na Coruña.