Anguria

Segundo se ve polo TILGA, a primeira aparición da palabra anguria na nosa literatura non tivo lugar ata 1909, nun conto de Lugrís Freire; pero na década seguinte, e sobre todo nos anos vinte, difundiuse coa velocidade da pólvora xunto coa súa familia: angurioso, anguriar... O primeiro vocabulario que a rexistra é o de Filgueira et al., 1926, e a partir de aí figura nos dicionarios clásicos ata que a súa presenza se interrompe nos de intención normativa publicados das últimas décadas. Pero aínda con esta ausencia, certamente intencionada, a súa fortuna literaria e o seu uso na lingua culta falada e escrita non se interromperon: máis de setecentas ocorrencias no TILGA, noventa delas na derradeira década do século pasado, dan boa fe do seu vigor.

O uso desta palabra foi guiado no último medio século polo gran dicionario de Eladio Rodríguez, onde se lle atribúen catro significados, non todos claramente diferenciados, que se resumen así: «privación, estreiteza, necesidade, falta do indispensable para vivir»; «carencia dunha cousa necesaria»; «ansia devoradora, desexo vehemente»; e finalmente, pero non menos importante, «angustia, aflición, congoxa, sufrimento moral». Neste último sentido, que fai de anguria un sinónimo case perfecto de angustia, a palabra foi largamente empregada non só na literatura de creación, senón moi especialmente en escritos filosóficos e psicolóxicos.

O sorprendente é que a forma anguria carece de presenza nas recollas léxicas máis rigorosas, agás que sexa unha variante de angurria, aprendida por Aníbal Otero na súa parroquia natal de San Xurxo de Piquín e para a que anota o significado de «codicia». Pero a semántica parece un pouco afastada de máis para buscar aquí a orixe real dunha palabra que, axudada inicialmente polo diferencialismo das Irmandades da Fala, chegou a suplantar case completamente o cultismo angustia. Se ollamos de novo o TILGA, veremos que angustia aparece con toda naturalidade na literatura do XIX e principios do XX, para logo ir rareando e acabar case desaparecendo do uso escrito, ata que a partir de 1980 empeza a recuperar un pouco de terreo.

Trátase logo dunha palabra inventada? É posible que si, pero tamén puido ter un apoio real na fala que non está documentado. No gran dicionario Houaiss da lingua portuguesa aparecen o verbo angurriar-se e os adxectivos angurriado e angurriento, cunha semántica bastante próxima: triste, sen ánimo. Estas palabras falan algo a favor da orixe popular da nosa, pero son tan raras que a maioría dos dicionarios portugueses nin sequera as rexistran, e a pesar da enorme diferenza no número de falantes, entre todas elas non se achan tantas veces na Rede coma a anguria galega. Que por certo o curioso terá que buscar por medio de trucos, pois é homógrafa da palabra italiana máis usual para designar a sandía.

Por outra banda, anguria ten os mesmos significados ca o latín angor, angoris, de onde puido derivar dun xeito quizais un pouco irregular, pero non máis rechamante ca outros casos que constitúen excepcións ás regras xerais da evolución.

Mais sexa cal sexa a súa orixe, anguria e a súa familia son palabras vigorosamente arraigadas na lingua culta, razón pola cal nunha das súas últimas sesións de traballo a Comisión de Lexicografía da RAG acordou incluílas no dicionario académico.