Manuel María diante da igrexa de Santa María de Meira (Lugo). Fotografía cortesía de Felipe-Senén López
A finais de 1949, meses antes de que saíse á luz o seu primeiro libro de poemas, Muiñeiro de brétemas, Manuel María publicaba en El Progreso a súa primeira colaboración na prensa. As hemerotecas dan conta do prolífico que foi tamén neste eido, con máis dun milleiro de artigos xornalísticos impresos nun gran número de xornais e revistas do país.
Boa parte destes primeiros textos de Manuel María publicáronse no xornal lugués El Progreso, mais a súa sinatura apareceu tamén ao longo dos anos 50 en La Noche, Faro de Vigo, El Pueblo Gallego, La Región ou La Voz de Galicia. O poeta era ademais colaborador fixo de Vida Gallega e El Ideal Gallego (1955-1960) e exerceu como correspondente do xornal Lugo, de Buenos Aires, entre 1958 e 1959. Nestes inicios, nun tempo marcado por unha pesada atmosfera censora, Manuel María só empregaría o galego, a lingua da súa poesía, nas pezas periodísticas para a Galicia exiliada. O ano 1964 marcaría un antes e un despois: en diante, toda a prosa xornalística que verá a luz en Galicia estará escrita na lingua propia, salienta Camilo Gómez Torres no seu libro Manuel María: os traballos e os días.
Nas décadas seguintes, Manuel María seguiría a publicar en moitos medios de comunicación, con Galicia sempre como protagonista a través da historia, a literatura, a paisaxe, a etnografía, personaxes históricos e populares ou artistas, desde Afonso X, María Pita, as irmás Colaria e Maruxa Fandiño, As dúas Marías de Compostela ou o mestre Silva de Lugo ata Rosalía de Castro, Luís Seoane, Laxeiro, Sucasas e Colmeiro ou Manuel García Paz.
Gómez Torres salienta especialmente as colaboracións que mantivo no semanario A Nosa Terra (ANT) e no diario El Correo Gallego, que suman en total 626 artigos que chegaban ás redaccións, primeiro por carta e despois vía fax, escritos a man polo propio autor coa súa caligrafía clara. Nestas pezas expresouse o Manuel María máis xenuíno. "A diferenza das colaboracións estábeis da etapa 1954-1963, sobre todo en Vida Gallega, nas que a dinámica e as necesidades editoriais impoñían maioritariamente as temáticas tratadas, nestas a liberdade temática é absoluta: escribe sobre o que en cada momento centra e sostén o seu interese, ben como individuo, ben como cidadán de a pé, ben como home público. (…) Nada escapa á súa sensibilidade e interese", indica o experto na obra do creador ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.
Manuel María formou parte do proxecto da nova etapa de ANT desde o primeiro momento. Foi un dos fundadores da editora do medio, Promocións Culturais Galegas S.A., e tamén unha das sinaturas fixas desde o número 0, que saíu do prelo o 2 de nadal de 1977. Baixo o pseudónimo Manuel Hortas Vilanova (apelidos en homenaxe á súa casa natal e á da súa nai), aquel número de presentación incluíu a primeira entrega da sección "Andando a Terra", dedicado ao Parque do Pasatempo de Betanzos, que se reproduce nesta ligazón. O espazo mantívose ata 1989 e sumou 283 columnas.
Tres constantes da obra xornalística de Manuel María quedan claras desde os primeiros textos de "Andando a Terra", analiza Margarita Ledo, primeira directora do semanario: "todo o que ten que ver coa terra, como territorio e no sentido do camiño e daMargarita Ledo aprecia o influxo de Otero Pedrayo, Pimentel e Cunqueiro en tres constantes da súa escrita na prensa: a terra, a palabra e as viaxes construción da paisaxe, moi influído por Otero Pedrayo; todo o que ten que ver coa palabra, o Manuel das tertulias e o que fala da fala e do concepto lingüístico, con outra sombra inmensa sobre el, a de Luís Pimentel; e as viaxes e as viaxes imaxinarias, algo que ten moito que ver coa sedución que sobre el exercía Álvaro Cunqueiro". "Se imos a ese primeiro artigo sobre o Pasatempo, vemos esas utopías imaxinarias dos irmáns García, que reproduciron en Betanzos as marabillas do mundo, desde as pagodas ás esfinxes exipcias, para que a xente próxima gozara tamén delas. A partir de aí, Manuel fala de aspectos históricos de Betanzos, de Fernando de Andrade, do seu sepulcro e de todas esas cuestións que lle interesaba reconstruír, a historia que fora negada e velada".
Esta presentación en ANT foi probablemente a primeira reivindicación desde Galicia da recuperación do Pasatempo, daquela en estado ruinoso. E non foi a única. Nos seus textos estaba constantemente indo cara a lugares que temía pola súa desaparición e que quería poñer en valor. "Andando a Terra" achegou así os lectores e lectoras a múltiples lugares de interese artístico ou natural e á súa historia: Caaveiro, a igrexa de Vilar de Donas, o pazo de Anzobre, Viana do Bolo...
Primeiro artigo da sección "Andando a Terra", que Manuel María asinaba co pseudónimo Manuel Hortas Vilanova
A columna de Manuel María foi unha das seccións máis seguidas do semanario. Os lectores atopaban nel un intenso sentido de testemuña, porque adoitaba falar do que el vía cos seus propios ollos. "Manuel é un dos poucos escritores metidos a xornalistas que fala só do que coñece directamente, que pisa cos pés na terra directamente", salienta Ledo. Pero o seu fondo coñecemento de Galicia e a súa historia non só quedaba reflectido no que asinaba como Manuel Hortas Vilanova: "Era dun rigor e dunha exactitude abraiante. Tamén funcionaba n'A Nosa Terra como un arquivo invisíbel. Chamabámolo para calquera consulta sobre persoas ou lugares, para preparar entrevistas…".
Manuel Veiga, outro membro da redacción do semanario, tamén pon en valor esas calidades. "Era un comentarista moderno, e poderiamos tratalo tamén de xornalista, porque aínda que amosaba a súa impresión persoal, tamén achegaba moitos datos", expresa o xornalista, autor de Manuel María, buscando un país e Manuel María. Vida, versos e rebeldía (Xerais, 2016). Esa combinación de voz persoal e rigor informativo fan que os seus textos resistan aos ollos do lector contemporáneo o paso do tempo, opina Veiga. "Non hai palabras sobrantes nestes artigos, que é o importante para min no xornalismo, que non sobren palabras".
"A súa prosa xornalística está á altura da súa poesía e amosa o fondo coñecemento que tiña do país. Moitas veces escribía sobre escritores e xente que estaba fóra de Galicia, era unha ponte entre dúas xeracións", define pola súa banda Afonso Eyré, redactor d'A Nosa Terra"A súa prosa xornalística está á altura da súa poesía e amosa o fondo coñecemento que tiña do país", expresa Eyré desde a súa fundación e director da publicación a partir de 1983. Coma Ledo, subliña a boa disposición que o escritor sempre amosaba para ser igualmente fonte de documentación da redacción. "Era unha especie de asesor, e iso era moi importante con persoas coma nós. Eramos todos moi novos e a bagaxe de Manuel, os seus coñecementos, eran de grande axuda. El foi ademais asesor lingüístico cando se fixou a escrita que se ía empregar, nun momento no que aínda non había normas do galego", engade.
"Un símbolo da resistencia" no Monforte da ditadura
Para o director de El Correo Gallego, xornal do que Manuel María foi colaborador fixo durante máis de dúas décadas, a constante presenza de Galicia é tamén unha das claves do autor como articulista. "Daba igual do que escribise, a cuestión era a intensidade coa que vivía o seu amor a Galicia", expresa José Manuel Rey, que entrou en contacto co protagonista do vindeiro 17 de maio no Monforte de Lemos dos anos 60. "Era como unha especie de gran símbolo da resistencia fronte ao illamento que sufría o galego, un dos primeiros da nova xeración de galeguistas. Para a miña época era un revolucionario", afirma. Por iso Manuel María non dubidou en poñerlle como condición para falar na radio asociada a RNE, con motivo do seu nomeamento como membro correspondente da Real Academia Galega, que a conversa transcorrese en galego, unha lingua completamente relegada nos medios de comunicación daqueles anos. "Cando a entrevista se emitiu e o director da emisora se enterou díxome: "Pero como tras aquí a un enemigo del régimen!", rememora.
Décadas despois, Rey convidou o escritor a colaborar nas páxinas de El Correo Gallego, onde publicou os seus derradeiros artigos. Unha escolma dos textos que viron a luz neste diario e en ANT poden lerse na en Memoria da Terra. Prosa xornalística. Manuel María (Casa-Museo Manuel María, 2015).