Ana Romaní ingresa na Real Academia Galega reivindicando a escoita na creación poética e no xornalismo

No ano 2003, no Teatro Coliseo de Noia, Xohana Torres interveu na homenaxe a Antón Avilés de Taramancos no Día das Letras Galegas dedicado ao escritor. Ambos compartiron infancia á beira do mar, os dous souberon escoitar como poetas, e tamén o fixeron nos programas de radio que gravaron alén e aquén mar. Case dezaseis anos despois daquel 17 de maio, volveron estar presentes no mesmo auditorio, no discurso de ingreso na Real Academia Galega doutra creadora da poesía e da radio: Ana Romaní. A poeta e xornalista, natural desta localidade, convocou estes dous referentes no seu espertar poético, xunto a outras autoras das letras galegas, nunha intervención que foi unha ollada ao mundo desde o feminismo e o comunal e colectivo. E desde ela, fronte á "xordeira", reivindicou a dignidade da escoita no literario e no xornalismo.

Ana Romaní le o discurso de ingreso na RAG. Fonte: Xosé Castro / RAG


A académica de número Margarita Ledo foi a encargada de lle dar resposta nunha intervención na que repasou a traxectoria literaria e xornalística da nova compañeira de plenario, inzada de recoñecementos, o último deles o Premio Nacional de Periodismo Cultural que concede o Ministerio de Cultura. Da obra literaria de Ana Romaní salientou, entre outros trazos, ese "desexo de comunidade" tan patente no propio discurso que pronunciou hoxe, un "devezo polo común que tamén colle corpo na súa actividade profesional".

"Hoxe é un día feliz para a Real Academia Galega polo ingreso na institución de Ana Romaní e por estar en Noia, que é unha maneira de levar a RAG polo país. Cando os académicos falamos da súa entrada pensamos na poeta, na activista cultural que leva moito tempo comprometida co país, e tamén na comunicadora", salientou pola súa banda o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, tras facerlle entrega da medalla e o diploma de académica de número.

Ana Romaní ocupa desde este sábado a cadeira que quedou vacante tras o pasamento de Xohana Torres, (Ferrol, 1929 – Vigo, 2017), "símbolo de decidida navegación e ousadas travesías". Con ela estableceu o diálogo inicial do discurso titulado Táctil resonancia. Da derrota dun esplendoroso veleiro, as voces flotantes e os cantos das baleas, a bordo dunha nave na que tamén rescatou a voz do poeta noiés Avilés de Taramancos, outra figura decisiva no seu "tear do poético". A viaxe arrincou sucando o mesmo mar no que a súa predecesora puxera a navegar a Penélope no célebre poema que publicara por primeira vez na Festa da Palabra Silenciada (1987).

Complicidades na resistencia
Como fixera Xohana Torres, Ana Romaní tamén quixo homenaxear no seu discurso de ingreso na RAG as mulleres invisibilizadas, posuidoras de saberes compartidos e ignorados pero imprescindibles. Mulleres coma a súa avoa Manuela, que foi ademais unha das primeiras informantes que botou algo de luz na "fascinación adolescente" da nova académica pola figura da poeta noiesa María Mariño, María A Fiscala, recoñecida co Día das Letras Galegas en 2007 mais unha voz "apenas percibida" naqueles anos 80, como sucedera antes con moitas outras femininas.

"No século dezanove compútanse máis de 150 escritoras en Galicia. Para que o poema de Rosalía de Castro escoite con esa absoluta inclinación do corpo, atendendo, foi preciso que outras falaran por baixo, andaran polos cuartos pechados dunha memoria de escasa escoita das voces delas. Voces, ruídos, falas, hiperbólicas ou afásicas que conforman o magma no que unha escritura arde, incandescente e acontece", expresou. "Unha escritura comunal atravesa o mundo e escoita. E se escoita sabe que a súa é a consistencia da area no deserto, as voces todas que nela resoan", continuou.

Xunto ás pioneiras, non faltaron tampouco as referencias a outras autoras contemporáneas como Pura Vázquez (1918-2006), Xela Arias (1962-2003), a narradora e compañeira na Radio Galega Begoña Caamaño (1964-2014), María do Carme Kruckenberg e tantas outras que teceron "complicidades na resistencia". "Lazos que engastan complicidades e diálogos de voces tan distintas. Non é só asunto literario; esténdese nos lavadoiros dos ríos, nas cadeas da conserva, nas redes dos peiraos", engadiu.

Xornalismo comprometido
Ana Romaní tamén falou como xornalista, un labor que desenvolve desde os anos 80 na Radio Galega, onde foi a responsable do magazine Diario Cultural entre 1990 e 2018, todo un referente do xornalismo cultural, no contido e na forma, en constante exploración de novas formas de expresión radiofónica. A académica lembrou o "traballo colectivo" que converteu o proxecto nun "veleiro radiofónico" e reclamou unha radio pública máis comprometida: "Entre todas e todos podemos facer unha radio que se comprometa, na independencia e no entusiasmo, coa realidade e o futuro do país, con esa cidadanía que a dota de sentido e de contido. É a radio pública que poderiamos estar facendo, porque hai profesionais comprometidos, porque hai audiencias que a demandan e un idioma que a urxe", subliñou.

Pero a radio e a televisión pública "non son só medios de comunicación en galego", advertiu. "Deberían ser os medios galegos, modelos de información dun país, polo tanto deseños propios de parámetros informativos, de liñas de programación, de estruturas organizativas que garantan a súa independencia, desde un profundo coñecemento e análise da historia e o presente dun país, dunha cultura, do idioma no que é. Como todas e todos vostedes saben, pensar en galego vai moito máis alá da lingua de uso, supón unha perspectiva, unha posición, unha realidade. Somos idioma, non a súa tradución. Na actual cartografía mediática desoír esa función basilar dos medios públicos abísmaos nun baleirarse de sentido", concluíu.


O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, entrega a Ana Romaní a medalla e o diploma de académica de número. Fonte: Xosé Castro / RAG
 

O público aplaude a Ana Romaní. Fonte: RAG
 

Ana Romaní, no centro da imaxe, acompañado dos demais membros do plenario da RAG tras o pleno extraordinario. Fonte: Xosé Castro / RAG