Figura imprescindible do xornalismo cultural e da poesía galega actual, Ana Romaní (Noia, 1962), uniu ambos os mundos con iniciativas que proxectaron a voz literaria na linguaxe radiofónica coas formas máis contemporáneas desde o Diario Cultural da Radio Galega. Desde este espazo promoveu o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que desde 2006 deu lugar a máis de corenta obras de teatro radiofónico e propiciou a renovación deste xénero; ou De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI (2013), unha antoloxía sonora con versos inéditos de trinta e seis poetas arredor de poemas de Rosalía de Castro. Dan man doutros creadores desenvolveu tamén outras iniciativas vinculadas á oralidade da poesía, unha teima constante da autora.
Como creadora literaria, a académica electa é unha das escritoras indispensables do discurso poético que emerxeu nas dúas últimas décadas do século XX, preocupada sempre pola recuperación, desde a perspectiva feminista, das voces invisibilizadas pola historia. Os seus primeiros poemas viron luz en revistas e en 1987 saíu do prelo o seu primeiro libro, Palabra de mar, onde o mundo acuático se converte en espazo simbólico. O espazo mariño marcou tamén o seguinte poemario, Das últimas mareas (1994), onde reescribe o mito de Penélope en diálogo co célebre poema co mesmo nome do Tempo de ría (1992) de Xohana Torres, convertido en himno do feminismo cultural galego. O seu último libro ata o momento é Estremas (2010), gañador de varios premios. Os poemas de Ana Romaní poden lerse tamén en volumes colectivos.
Ana Romaní cultivou tamén outros xéneros, con títulos como a Antoloxía de Antón Avilés de Taramancos (2003) ou as biografías de María Mariño, Xela Arias ou Belén Feliú para o Álbum das Mulleres.