“Ana Romaní foi a primeira xornalista en darlle voz ao FIOT e, desde entón, o seu vínculo nunca se rompería”, destaca a organización do festival en referencia á cobertura que realizou dende o Diario Cultural da Radio Galega. Neste espazo promoveu ademais o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que deu lugar desde 2006 a corenta e unha obras de teatro adaptadas e emitidas, e que propiciou a revisión do xénero e a emerxencia de novos certames deste tipo.
“O teatro estimula o pensamento, axuda a discernir. E necesitamos tanto o teatro para iso hoxe!”, expresou a académica no discurso que pronunciou ao recoller o galardón. “Dicía Luísa Villalta, a dramaturga que imos lembrar nas Letras 2024, ‘sempre o teatro á procura da verdade’. Hai descubertas que só se dan aí, nesa respiración conxunta das artes vivas, das artes escénicas. Estou agradecida por tantos momentos de lucidez emotiva que me permite o teatro”, engadiu.
O do FIOT súmase a outros galardóns que recoñeceron con anterioridade a traxectoria de Ana Romaní como comunicadora, entre eles o Premio Nacional de Xornalismo Cultural do Ministerio de Cultura (2018) e, tamén dende o ámbito das artes escénicas, o Abrente de Honra da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (2013).