Alumnado do instituto arxentino galego Santiago Apóstolo visita a Academia

A Real Academia Galega recibiu esta mañá un grupo de estudantes do instituto arxentino galego Santiago Apóstolo, acabado de chegar desde Buenos Aires nunha viaxe na que percorrerá as catro provincias galegas. O presidente da institución, Víctor F. Freixanes, o secretario, Henrique Monteagudo, e a arquiveira-bibliotecaria, Fina Casalderrey, déronlles a benvida a Galicia e á propia RAG. "É unha alegría que veñades. Vós sodes Galicia e vós sodes a cultura galega", díxolles o presidente.

Foto de familia do alumnado e o profesorado do instituto arxentino galego Santiago Apóstolo cos membros da comisión executiva da RAG que os recibiron. Fonte: RAG


A maioría dos mozos e mozas pertence a familias de ascendencia galega, pero parte deles non tiña vínculo con Galicia previo á súa entrada neste centro porteño. O principal sinal de identidade do instituto, dirixido polo académico correspondente Carlos Rodríguez Brandeiro, é a súa aposta pola inmersión na lingua e na cultura galegas. "Para nós sodes un pouco esa outra Galicia que está alén do mar, que está viva. Sodes os nosos embaixadores", expresou Víctor F. Freixanes, que recordou agradecido ser distinguido na súa primeira edición co Premio Rosa dos Ventos, que concede o alumnado deste centro. Este galardón tamén recaeu noutras edicións sobre Henrique Monteagudo e Manuel Rivas.

Os alumnos e alumnas, acompañados dos profesores Sandra Vázquez e Renato Sanguinetti, agasallaron a Academia cunha augada sobre o tango de Rafael Gil e os representantes da RAG fixéronlles entrega das últimas publicacións da RAG para o seu instituto ademais de obsequialos con outros títulos publicados pola institución.